Soutomaior presenta o programa “Moito verán. Soutomaior é moito” cun sinfín e actividades para todos os públicos

Manu Lourenzo e Gonzalo Outeiro presentando Soutomaior é moito
Manu Lourenzo e Gonzalo Outeiro presentando Soutomaior é moito
Soutomaior presenta o programa “Moito verán. Soutomaior é moito” cun sinfín e actividades para todos os públicos

Soutomaior, 12 de xuño, de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Festas e Mocidade, Gonzalo Outeiro, presentaron nesta xornada a programación do verán 2025 baixo o lema “Moito Verán. Soutomaior é moito”.

Tras o éxito da pasada edición, que atraeu milleiros de persoas e superou todas as expectativas, Soutomaior volverá ofrecer unha programación variada na que teñen cabida actividades familiares, propostas sostibles e inclusivas, iniciativas saudables e eventos dirixidos a públicos de todas as idades.

Desde o Goberno local confían en que o investimento realizado nesta programación repercuta positivamente na hostalaría e no comercio do municipio, contribuíndo á dinamización económica do concello.

Soutomaior contará, un ano máis, cunha programación propia e con celebracións que reúnen á veciñanza de todo o concello. Así, este verán pasarán por Soutomaior artistas e formacións de primeiro nivel como Panorama, Talco, París de Noia, De Ninghures, 9Louro, Mekánika Rolling Band ou a Orquestra Bravú Xangai, entre outras.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “esta programación é unha mostra do modelo de concello polo que apostamos, un Soutomaior vivo, dinámico e con actividades pensadas para toda a veciñanza”. O rexedor sinalou tamén que “o verán é unha oportunidade para poñer en valor os nosos espazos públicos e seguir consolidando Soutomaior como un referente cultural e de lecer na contorna”.

Pola súa banda, o concelleiro de Festas e Mocidade, Gonzalo Outeiro, explicou que “traballamos para ofrecer unha programación ampla e diversa, pensada para que veciñanza e visitantes poidan gozar dun verán cheo de propostas culturais e de lecer para todas as idades”. Ademais, subliñou que “Moito Verán é tamén unha ferramenta para dinamizar a economía local e apoiar ao comercio e á hostalaría do municipio”.

programacion soutomaior é moito
programacion soutomaior é moito

Principais citas do verán

A programación arrancará coa celebración do San Xoán, na noite do 23 de xuño, con actuacións de Tanto Nos Ten, espectáculos de rúa a cargo de Troula, un xogo familiar arredor das herbas de San Xoán e unha fogueira adaptada.

Os días 26 e 27 de xuño celebrarase A Orgullosa, a terceira festa das entidades diversas e disidentes, na Carballeira do Peirao, con actuacións musicais de Rabelo e Nenaza.

O 5 de xullo chegará o Rebulir, festival de danza contemporánea que se desenvolverá en distintos espazos do concello e contará con espectáculos recoñecidos e premiados.

O 11 de xullo será a quenda dos Concertos de Verán, con Talco, De Ninghures, 9Louro e La Duendeneta.

O 24 de xullo celebrarase o Día das Avoas e dos Avós, na Carballeira do Peirao de Arcade, coa actuación de Marcela.

Ao día seguinte, 25 de xullo, terá lugar a tradicional xornada de inchables e festa da escuma no Peirao de Arcade, con actividades acuáticas, mecánicas e deportivas de balde para toda a familia.

Do 1 ao 7 de agosto desenvolveranse a Semana Grande, cun programa que incluirá actuacións da Mekánika Rolling Band, da Orquestra Bravú Xangai e das grandes orquestras Panorama, París de Noia e Kubo.

O 14 de agosto celebrarase o Día de María Vinyals e, o 15 de agosto, a tradición mariñeira volverá ser protagonista cunha nova edición da Recalada, que encherá o Peirao de Arcade de actividades.

A fin de semana do 22 e 23 de agosto chegará unha nova edición do Punkativada, o festival para a xente miúda, que contará con propostas como Lembra Xabarín, Brais das Hortas, Ghazafellos, María da Pontragha e Pajarito.

O 29 de agosto celebrarase unha nova edición das Carrilanas de Soutomaior.

Como peche da programación estival, o municipio acollerá o Festival de Bandas de Música “Carlos Abal” o 5 de setembro, a III Andaina Valle-Inclán o 13 de setembro e o Certame de Corais o día 19.

Estas son só algunhas das moitas actividades que formarán parte da programación deste ano. Porque, este verán, Soutomaior é moito.

Soutomaior presenta o programa “Moito verán. Soutomaior é moito” cun sinfín e actividades para todos os públicos