Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Citigal centrado nas cidades intelixentes e a economía circular

Citigal
Citigal
Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Citigal centrado nas cidades intelixentes e a economía circular

Pontevedra, 12 de xuño de 2026. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Citigal centrado nas cidades intelixentes e a economía circular. 

Durante a súa presentación, a concelleira de promoción da cidade, Anabel Gulías, enmarcou este evento na estratexia municipal para consolidar a Pontevedra no ámbito da economía creativa, na liña doutras citas importantes como o congreso Flúor, o vindeiro congreso de e-commerce ou a feira do emprendemento Pontaup. A concelleira destacou que se trata dun congreso de carácter gratuíto (con inscrición previa) deseñado para fomentar a interacción entre relatores e público, contando con palestras individuais, mesas de debate e espazos específicos para o traballo en rede. 

Gulías fixo especial fincapé na filosofía que subxace no evento, cuxo logotipo é un cerebro inspirado no emblemático mapa Metrominuto. Neste sentido, a concelleira recalcou que Pontevedra sempre apostou por "facer unha cidade a escala humana" e poñer despois a tecnoloxía e a vangarda ao servizo dese benestar. Alertou de que a dixitalización e a intelixencia artificial nunca deben ser "unha escusa para deixar de facer cidades habitables", incidindo en que o deseño do espazo urbano debe estar sempre pensado para ser ocupado polas persoas e non polos vehículos. 

Pola súa banda, Alejandro Amoedo, en representación das firmas organizadoras (Smart City Consulting e Grupo Norte), destacou a alianza tecida este ano coa patronal tecnolóxica AMETIC, que asumíu parte da dirección do congreso e a achega de relatores. O obxectivo, segundo Amoedo, é que Citigal se consolide como o gran congreso de cidades intelixentes de Galiza e o norte de Portugal”. 

Esta segunda edición deu o salto internacional coa presenza de expertos procedentes de Romanía, Inglaterra e Portugal. O programa debullou temas clave como a intelixencia artificial, os xemelgos dixitais, a mobilidade sustentable (como o uso de bicicletas eléctricas para aforrar CO2) e a dixitalización do tratamento de residuos. 

Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Citigal centrado nas cidades intelixentes e a economía circular