O Concello de Pontevedra apoia ás persoas estafadas coas Preferentes
Pontevedra, 7 de maio de 2013. Na sesión celebrada o luns 6 de maio, o Pleno do concello de Pontevedra aprobou o seguinte acordo
Trasladar aos que teñen na man a solución a este problema que o tema das preferentes e subordinadas é un asunto no que está implicada toda a sociedade pontevedresa e, ao mesmo tempo demostrar de forma clara e contundente ás persoas afectadas que o Concello de Pontevedra está con eles, son os obxectivos básicos dos acordos adoptados polo pleno da corporación de Pontevedra o luns 6 de maio, que se concretizan en:
- Esixir a derrogación do RD polo que se lle expropia grande parte dos seus aforros aos afectados polas preferentes e subordinadas, e dirixirse ao Goberno Central para que adopte as medidas precisas para que os afectados recuperen os seus aforros de xeito íntegro.
- O Concello de Pontevedra requerirá á entidade Novagalicia Banco para que no prazo dun mes proceda a iniciar a devolución íntegra das cantidades estafadas aos aforradores do municipio coas preferentes e subordinadas.
- Se no prazo indicado non se produce a devolución aos estafados, procederase á cancelación das contas municipais en NGB coa única limitación da preservación dos intereses municipais.
- Colocarase unha pancarta de apoio aos afectados no edificio muncipal de Michelena 30.
- Amosar o apoio institucional do Concello á manifestacion convocada para o próximo 10 de maio.
- Apoiar calquera outra medida que colabore no obxectivo de facer xustiza cos afectados das preferentes e subordinadas.
- Acórdase dar traslado deste acordo á FEGAMP, á FEMP e ao FROB, e solicitar do resto de institucións (Administración Xeral do Estado e Xunta de Galiza) que adopten o mesmo acordo.
Por parte do BNG interviu César Mosquera, que fixo fincapé no feito de que hai un proxecto en marcha para levar a riqueza do noso país fóra e que o asunto das preferentes e das subordinadas forma parte dese plan. "Non imos permitir que rouben o aforro dos galegos e das galegas", sinalou o noso compañeiro.
Sinalou César Mosqueira que sería infinitamente máis rendíbel para NGB resolver este asunto e devolver o diñeiro aos estafados que o custe que lle supón de imaxe, de retirada de depósitos ou de recursos, e se non o fai é porque non llo permite o FROB. Neste sentido reiterou que todo forma parte desa estratexia calculada "para trocear o que queda do banco e se venda ao mellor postor".