O Goberno español denuncia ao concello de Pontevedra por compensar a extra de nadal
Cando o goberno español decidiu roubar parte do seu salario aos empregados públicos, mediante a supresión da paga extra do nadal, o BNG anunciou a súa oposición e a adopción dunha postura de insubmisión e rebeldía ante un feito tremendamente inxusto para os traballadores e traballadoras e claramente perxudicial para o tecido económico de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra foi o primeiro -mais non o único- en compensar aos seu persoal pola perda da paga extra decretada polo goberno do señor Rajoy. As palabras de Miguel Anxo Fernández Lores foron claras nese sentido cando afirmaba "Se alguén me pregunta se Pontevedra está a pagar a extra respondo que políticamente si e administrativamente non".
Así, co aval dos servizos xurídicos e de común acordo cos traballadores, acordouse alongar 16 horas a súa xornada entre o 16 de setembro e o 30 de outubro, para poder cobrar un complemento de produtividade que se abonou na nómina de decembro, e supuxo aproximadamente un 80% do que lles correspondería pola paga extra.
A pesar de que o Concello non abonou a paga extra senón un complemento de produtividade, que este complemento só se abonou a aqueles traballadores e traballadoras que alongaron a súa xornada laboral (seis non se acolleron), a cuantía era inferior á que correspondería á paga extra e non se utilizou a partida orzamentaria destinada á paga extra, o goberno español, seguindo as instrucións do PP, presentou denuncia contra o Concello de Pontevedra.
Curiosamente, o goberno español non fixo o mesmo cos outros concellos que compensaron a paga extra, o que responde claramente a unha decisión estrictamente política do PP.
O BNG está orgulloso de adoptar unha posición de rebeldía e insubmisión diante dunhas medidas arbitrarias e inxustas que atentarían contra os dereitos dos traballadores e traballadoras e afectarían moi negativamente ao comercio local e, polo tanto, ao tecido económico da cidade.