A PARTIR DO 15 DE FEBREIRO
O Concello de Pontevedra amplía o horario do servizo de transporte a demanda Coche de Punto ás tardes e aos sábados
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a ampliación do horario de prestación do servizo de transporte a demanda, coñecido como "Coche de Punto". Tralo acordo acadado na Xunta de Goberno, o novo horario entrará en vigor o vindeiro 15 de febreiro e estenderase de luns a sábado, agás festivos.
Segundo detallou o rexedor, a franxa horaria de luns a venres será de 07:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que os sábados o servizo estará operativo de 09:00 a 14:00 horas. Esta modificación responde á vontade do goberno local de axustar un proxecto que dende o seu inicio foi concibido con flexibilidade para mellorar o seu funcionamento.
Fernández Lores defendeu o "Coche de Punto" como un servizo "novedoso e pioneiro" deseñado para resolver problemas de mobilidade que non estaban sendo atendidos por outras vías, como os autobuses interurbanos ou da Xunta. "Había unha demanda de xente que non ten outra alternativa de mobilidade, especialmente polas tardes para asistir ao médico ou aos centros de saúde, e tamén para xente que os sábados vai de compras ou ao mercado", explicou o alcalde.
O servizo continuará sendo prestado polas 32 licenzas de taxi adheridas actualmente, aínda que o Concello mantén aberta a posibilidade de ampliar este número no futuro. O alcalde quixo agradecer expresamente o posicionamento e a colaboración do servizo de taxis para levar adiante esta iniciativa.
Consultado sobre o impacto económico desta ampliación, Lores aclarou que a previsión orzamentaria inicial xa contemplaba a posibilidade destas melloras, polo que non existen problemas de financiamento para executar os cambios. "Estamos abertos a mellorar o servizo, a facelo máis asequible e práctico, probando e axustando o que sexa necesario dentro do marco legal", engadiu.
O alcalde subliñou o éxito do modelo, afirmando que está "funcionando ben" e que serve para "abrir camiño" en solucións de mobilidade, un terreo no que Pontevedra segue a explorar vías que, aínda que complexas, son necesarias para a cidadanía.