O Salón do Libro 2026 homenaxeará a libreira e mediadora Luz Gallego, Nenuca, o editor Manuel Bragado
Luz Gallego, "Nenuca", e Manuel Bragado serán as persoas homenaxeadas no Salón do Libro 2026 que celebrará a súa edición número 27 entre o 6 e o 22 de marzo, tal e como anunciou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.
“Quedan 27 días para que bote a andar o Salón e a maquinaria está a tope. Durante moito tempo homenaxeamos escritoras e escritores pero hai uns anos abrimos a porta á ilustración ou a tradución porque entendemos que o libro é moito máis. Hai toda unha cadea de traballo que probablemente comece nas editoriais e remate nas librarías, e por iso temos a Luz Gallego, Nenuca, que é como a coñecemos todos, que en Pontevedra é unha referencia. Nela premiamos moitísimas cousas: transformou xunto a Tito unha libraría casé técnica nunha libraría de referencia. Homenaxeamos nela as librarías que barrio, que poden escoller por nós, que son que de escolmar entre unha morea de libros e fan ese traballo libro, as prescriptoras que recomendan con criterio. Pero tamén á persoa que escribiu no Diario de Pontevedra, organizou feiras do libro e colaborou no Salón desde o primeiro día sempre con xenerosidade, que nunca deixou de formarse e aínda está na universidade é un exemplo para todas e todos nós”.
No outro extremo da cadea, ao comezo de todo, está a figura do editor, Manuel Bragado, que neste caso é moitísimas cousas. “É case imposíbel resumir o que este home leva feito como editor, como mestre implicado nos movementos de renovación pedagóxica ou incluso como activista cultural coordinando multitude de proxectos. Pero como editor, si quero dar o nome de catro autores e autoras dos que foi editor para ver a importancia que ten na literatura xuvenil: Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Ledicia Costas. É unha figura capital na literatura galega e por iso queremos homenaxeala”.
Luz Gallego apuntou na súa intervención que “hoxe é día de agradecer ao Concello, a Demetrio polas súas agarimosas palabras e por suposto ao Salón do Libro. A nosa libraría foi mudando cara a especialización en literatura infantil e xuvenil e o Salón foi a nosa casa tamén. Entramos a traballar no Salón e no equipo da organización, que nos tiñamos reunións cada dous meses durante todo o ano para preparar o seguinte Salón. Foi todo un luxo facer parte con ese equipo fenomenal de xente. Vémonos no Salón!”.
Bragado citou ao escritor portugués Miguel Torga no seu agradecemento porque “é obriga de quen é homenaxeado poñerse a traballar nas filas de quen o homenaxea. Hoxe correspóndeme agradecer este recoñecemento que o Concello de Pontevedra e Salón do Libro teñen comigo e expreso o compromiso de apoialos, coma sempre o fixen, nestre proxecto do Salón e nun proxecto máis ambicioso que creo que o Concello pode acuñar que é converterse nunha das Cidades do Libro e da Lectura do mundo. É unha das posibilidades que abre a Unesco co programa Cidades Creativas. Sería ven merecido por Pontevedra, que ten o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de referencia en España, igual que a feira do libro para crianzas de Bolonia. Pontevedra é unha cidade amábel coa lectura, unha cidade de librarías, e é unha honra acompañar a Nenuca e á Libraría Seijas das que sempre terei asociado a figura de María Victoria Moreno.