O Concello de Pontecesures reafirma o seu compromiso co deporte base coa segunda edición do Campus de Porteiros Fran Vieites

Campus Fran Vieites
Campus Fran Vieites
O Concello de Pontecesures reafirma o seu compromiso co deporte base coa segunda edición do Campus de Porteiros Fran Vieites

Pontecesures, 22 de xuño de 2026. O Concello de Pontecesures celebrará os próximos días 23, 25 e 26 de xuño a segunda edición do Campus de Porteiros Fran Vieites, unha iniciativa que nace coa vocación de promover a práctica deportiva entre a mocidade e de ofrecer formación específica aos rapaces e rapazas que desenvolven a posición de porteiro nos seus respectivos clubs.

Esta actividade, totalmente gratuíta para os participantes, conta unha vez máis coa implicación e colaboración do futbolista cesureño Fran Vieites, actual porteiro do Leicester City, que volve demostrar o seu compromiso coa promoción do deporte base e coa formación das novas xeracións de deportistas. A súa participación constitúe un exemplo de proximidade e de devolución á súa vila de orixe, compartindo experiencia, coñecementos e valores cos máis novos.

Durante as tres xornadas do campus, os 14 participantes inscritos traballarán diferentes aspectos técnicos e tácticos específicos da posición de porteiro baixo a supervisión do técnico deportivo municipal, Marcos Jamardo, e do propio Fran Vieites. As sesións estarán orientadas ao perfeccionamento das habilidades propias desta demarcación, combinando aprendizaxe, esforzo e compañeirismo.

Desde o Concello de Pontecesures destácase a importancia de impulsar iniciativas que fomenten hábitos de vida saudables, a práctica deportiva e a formación integral da mocidade, ao tempo que se agradece a disposición e implicación de Fran Vieites para facer posible un proxecto que xa se consolida como unha referencia no ámbito do deporte base local.

Tras o éxito acadado nas edicións de 2025 e 2026, o Concello xa traballa para afianzar este campus de cara a futuras convocatorias, co obxectivo de ampliar a súa capacidade e chegar a un maior número de rapaces e rapazas interesados en especializarse nesta posición tan singular dentro do fútbol.

Con iniciativas como esta, Pontecesures continúa apostando decididamente polo deporte base como ferramenta de formación, inclusión e desenvolvemento persoal da súa mocidade.

O Concello de Pontecesures reafirma o seu compromiso co deporte base coa segunda edición do Campus de Porteiros Fran Vieites