O BNG acusa ao PP de practicar unha “memoria de escaparate” ao exhibir a ‘A derradeira lección do mestre’ mentres nega o recoñecemento institucional do Día da Galiza Mártir
Pontevedra, 22 de xuño de 2026. O BNG na Deputación de Pontevedra denunciou hoxe a “hipocrisía”, o “finximento” e a “política de fachada” que practica o Partido Popular en materia de memoria democrática. A deputada nacionalista María Ortega, responsable de Memoria no anterior goberno provincial, critica que os populares pretendan presentarse como defensores do legado de Castelao coa chegada ao Museo de Pontevedra do cadro ‘A derradeira lección do mestre’ ao tempo que continúan negándose a recoñecer institucionalmente o Día da Galiza Mártir o 17 de agosto.
Ortega subliña que a inauguración da mostra desde xoves no Museo constitúe unha “escenificación simulada” dirixida exclusivamente “á galería” por parte do PP. “Queren saír na foto xunto ao cadro, pero rexeitan asumir aquilo que representa. É unha pura operación de imaxe”, criticou. Por iso, a deputada adiantou que o BNG provincial non vai acudir ao acto, xa que considera que facelo “sería apoiar a postura hipócrita do propio Partido Popular e da súa inexistente política de memoria”.
A nacionalista lembra que Castelao pintou a ‘A derradeira lección do mestre’ como homenaxe a Alexandre Bóveda e como unha denuncia explícita dos crimes cometidos polo franquismo tras o golpe de Estado de 1936. “A obra é unha acusación contra a barbarie fascista, unha reivindicación da dignidade das vítimas e unha chamada permanente á memoria, algo do que o PP quere alonxarse dende unha mal chamada neutralidade. Pretender saír na foto mentres se nega o recoñecemento institucional ás persoas represaliadas é un exercicio de incoherencia difícil de superar”, afirmou.
Ortega destaca que o galeguismo no exilio instaurou en agosto de 1942 o Día dos Mártires Galegos pola vontade de manter viva a memoria das vítimas, unha conmemoración que durante décadas se celebrou fóra do país para honrar a Alexandre Bóveda e ao conxunto das persoas asasinadas e perseguidas. Tras a recuperación das liberdades democráticas, subliñou, esa tradición regresou a Galiza mediante actos institucionais, homenaxes e iniciativas promovidas por entidades memorialistas e polo nacionalismo galego.
Porén, a deputada lamentou que máis de oitenta anos despois da creación da efeméride o Parlamento e o Goberno galego continúen sen recoñecer oficialmente unha data que considera “fundamental para a memoria democrática do país”. Neste sentido, criticou que a semana pasada, xusto mentes o cadro de ‘A derradeira lección do mestre’ viaxaba cara ao Museo de Pontevedra, o PP volveu votar en contra da iniciativa do BNG para institucionalizar o 17 de agosto, chegando mesmo o seu voceiro a afirmar que “non é necesario salpicar a memoria democrática cunha sucesión constante de novas efemérides e datas institucionais”.
Para a deputada do Bloque, afirmar que o Día da Galiza Mártir é unha data nova ou unha ocorrencia demostra unha vontade deliberada de minimizar a memoria democrática galega. “Estamos a falar dunha conmemoración que leva a ser reivindicada durante décadas por entidades como a Fundación Alexandre Bóveda e polo movemento memorialista do país”, sinalou Ortega.
Domínguez: deixamento de funcións
Ortega é especialmente dura coa actuación do goberno provincial do PP na Deputación de Pontevedra a través de Rafa Domínguez, responsable oficial designado para a área de Memoria Histórica. Subliña que o ‘popular’ está a incorrer nun grave deixamento de funcións, xa que “nin controla ao seu persoal, nin executa o orzamento de Memoria, nin estivo sequera o ano pasado na celebración do Día de Galiza Mártir do Concello de Poio, como lle correspondería como representante da área de Memoria na Deputación”.
“Por moito que o vicepresidente queira transmitir unha imaxe de compromiso persoal e político coa memoria democrática, acumula cada vez máis episodios de ‘aparencia sen contido’, xa que nos tres anos de mandato houbo un desmantelamento efectivo da área de Memoria Histórica creada polo anterior goberno na Deputación”, insiste a representante do Bloque.
A nacionalista denuncia que, malia manter formalmente o departamento, a actividade desenvolvida foi practicamente inexistente. Segundo Ortega, os feitos evidencian que boa parte dos recursos asignados á área de Memoria Histórica non se executaron e remataron incorporándose aos remanentes provinciais, mentres outras partidas foron destinadas a iniciativas alleas aos obxectivos para os que foran creadas. “En materia de Memoria non se fixo nada. Se cadra, só ofender ás vítimas co seu deixamento e hipocrisía”, sentenzou.
“Non chega con traer unha obra de Castelao ao Museo de Pontevedra para facer unha foto. Honrar a memoria democrática implica asumir o significado do que representa esa obra, recoñecer ás vítimas e defender institucionalmente os valores polos que loitaron. Todo o demais é propaganda e ‘postureo’ político, ademais dun insulto ás vítimas e asociacións de memoria”, insistiu.