A XLVII Festa do Viño de Barro bate todos os récords de participación e consolídase como a edición máis multitudinaria da súa historia

Festa do Viño 2026
Festa do Viño 2026
A XLVII Festa do Viño de Barro bate todos os récords de participación e consolídase como a edición máis multitudinaria da súa historia

Barro, 22 de xuño de 2026. O Concello de Barro fixo hoxe unha valoración realmente positiva da XLVII edición da Festa do Viño, unha cita que non só demostra seguir medrando ano tras ano, senón que nesta ocasión bateu todos os rexistros anteriores. O evento consagrouse como a edición máis numerosa da súa historia, logrando un éxito absoluto tanto na participación das actividades programadas como na afluencia aos actos centrais. Un dos grandes termómetros deste éxito foi o tradicional xantar popular, que este ano contou coa asistencia de 550 comensais, enchendo o recinto de convivencia e gastronomía. Así mesmo, o prestixioso concurso de viños caseiros e o certame profesional superaron todas as expectativas, deixando un palmarés de altísimo nivel.

Desde o goberno local destácase que a Festa do Viño enfócase sempre como unha celebración de espírito marcadamente familiar, concibida como un punto de encontro arredor do viño e cunha programación pensada para todos os públicos. Nesta corenta e sete edición, o deporte volveu ser un piar fundamental con torneos e probas de atletismo, fútbol e tenis. No plano cultural, veciños e visitantes puideron gozar de actuacións musicais e espectáculos variados deseñados para todas as idades. Con todo, o Concello destaca que o verdadeiro segredo do éxito do evento é a súa identidade propia, xa que se trata dunha festa con alma e de carácter local porque é a propia veciñanza e os colectivos de Barro os que se converten nos seus verdadeiros protagonistas. Mostra disto foi que os encargados de abrir oficialmente a festa foron os compoñentes do Grupo de Danzas Amor Ruibal e do grupo Son das tabernas, mentres que o broche de ouro e encargada de pechar esta edición histórica foi a Banda Xuvenil de Barro, que ofreceu un espectacular concerto acompañando á recoñecida cantante Fátima Pego.

Pola súa banda, o alcalde de Barro quixo poñer en valor o crecemento imparable que está a experimentar a celebración edición tras edición, pero facendo especial fincapé no motor humano que hai detrás de toda a loxística. O rexedor sinalou que esta festa é o resultado do traballo de moita xente que se esforza para que todo saia ben. Por este motivo, quixo agradecer de corazón o papel crucial de todas as persoas voluntarias que a sacan adiante, destacando que o seu labor no stand coa venda de viño, ou asando e distribuíndo as sardiñas sen descanso, é impagable, e concluíu afirmando que esta Festa do Viño é un éxito de todos e todas e grazas a todos e todas. Con este inmellorable sabor de boca e un balance histórico, Barro pecha unha XLVII edición que deixa o listón moi alto e confirma a proxección dun evento que xa é un referente imprescindible no calendario festivo de Galiza.

A XLVII Festa do Viño de Barro bate todos os récords de participación e consolídase como a edición máis multitudinaria da súa historia