Concello de Pontevedra e Deputación asinan os dous últimos convenios do ano
Pontevedra, 15 de outubro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores,asinaou xunto ao Presidente da Deputación, os dous últimos convenios pendentes entre o Concello e a Deputación de Pontevedra correspondentes ao ano 2025. Estes acordos, seguindo as palabras do rexedor, permiten completar o compromiso actual de 2,5 millóns de euros que a Deputación mantén coa cidade.
Fernández Lores destacou que as obras cubertas por estes convenios son "importantes e necesarias para a cidade de Pontevedra" e que xa se atopan, as dúas, en proceso de licitación. Os dous convenios inclúen a mellora da rúa Luís Seoane, cun investimento de 348.000 euros, e a substitución e mellora da iluminación da zona norte-leste da cidade. Este proxecto foi cualificado como o "proxecto máis importante de mellora de infraestrutura lumínica na cidade". O proxecto global ascende a 2,3 millóns de euros, dos cales se asinaron 1,6 millóns de euros neste convenio específico.
O alcalde indicou que o Concello non descarta "a posibilidade de que haxa algún tipo de incremento" no futuro, en relación ao investimento que a Deputación realiza no municipio. Subliñou que Pontevedra é a capital da provincia, e aínda que entende que a Deputación ten maiores compromisos económicos cos municipios máis pequenos, debido á súa menor capacidade económica, confía en que o Concello poida ter un pequeno incremento para outro tipo de actuacións.
Para finalizar, o rexedor informou de que, mentres se asinan estes convenios correspondentes a 2025, o Concello xa se atopa traballando nos convenios de 2026.