Barro inicia o proceso de contratación do proxecto de mellora dos accesos ao parque de Barosa

Presentación Proxecto Barosa
Presentación Proxecto Barosa
Barro inicia o proceso de contratación do proxecto de mellora dos accesos ao parque de Barosa

Barro, 15 de outubro de 2025. O Pleno do Concello de Barro, celebrado onte, aprobou unha serie de medidas fundamentais para mellorar as infraestruturas e a accesibilidade no municipio, destacando especialmente a aprobación dos pregos de contratación para o proxecto de mellora dos accesos ao Parque de Barosa. Este proxecto foi elaborado polo propio Concello de Barro e será financiado a través da convocatoria de subvencións do Plan Extra de Obras Singulares da Deputación de Pontevedra. 

O obxectivo principal desta actuación é mellorar a conexión do Parque de Barosa coa estrada N-550 e mellorar a seguridade viaria nese treito. Barosa, ademais de ser un espazo natural de alto valor, é tamén un punto clave no Camiño de Santiago, ao ser o último tramo do camiño no municipio de Barro. Cada ano, milleiros de peregrinos chegan a este lugar, o que fai que a mellora da súa accesibilidade e seguridade sexa unha prioridade para o goberno local. 

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, manifestou que “este proxecto é unha mostra clara do compromiso do noso Concello coa mellora das infraestruturas, pero tamén co coidado e potenciación do noso patrimonio natural e cultural. Barosa é un espazo de gran importancia tanto para os veciños de Barro como para os milleiros de peregrinos que nos visitan cada ano. Mellorar os accesos ao parque e asegurar que os peregrinos e visitantes poidan contar cun espazo seguro e cómodo era unha das nosas maiores prioridades”. 

O proxecto incluirá varias melloras fundamentais, entre as que se destacan a creación dunha senda peonil que conecte a N-550 co parque, garantindo a seguridade tanto para peregrinos como para o resto de camiñantes. A actuación tamén contempla a instalación de elementos de seguridade viaria, como pasos de peóns e sinalización, así como a renovación da rede iluminación. 

Outro dos puntos clave do proxecto será a reordenación dos aparcamentos na contorna, así como a renovación do firme da estrada, mellorando a seguridade vial e a calidade do pavimento. Tamén se crearán espazos de aparcamento adaptados para persoas con mobilidade reducida, asegurando a accesibilidade de todas as persoas. 

“Estamos a falar dun espazo de altísimo valor natural, patrimonial e etnográfico. Coas melloras que imos levar a cabo, non só estaremos facendo un favor á nosa veciñanza, senón tamén a todos aqueles que visitan Barosa como parte do Camiño de Santiago”, subliñou o alcalde. 

Outros asuntos aprobados no pleno

Ademais do proxecto de mellora dos accesos ao Parque de Barosa, durante a sesión plenaria tamén se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento clave para mellorar a estrutura organizativa do Concello e garantir a eficiencia na prestación de servizos á cidadanía. Tamén se aprobou a adxudicación do subministro eléctrico do Concello, que foi outorgada á empresa Iberdrola, tras valorar as ofertas presentadas en concurso. A proposta de Iberdrola foi seleccionada como a máis favorable entre as oito ofertas recibidas. 

Estas aprobacións representan avances importantes para o Concello de Barro, que continúa a traballar por un municipio máis accesible, sostible e ben conectado, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e de todos os que nos visitan. 

Barro inicia o proceso de contratación do proxecto de mellora dos accesos ao parque de Barosa