O BNG solicítalle a Rueda a reapertura da delegación da radio e a televisión pública galega en Pontevedra
Pontevedra, 16 de outubro de 2025. Cando están a punto de cumprirse os 15 anos -o próximo 30 de novembro- do peche da delegación da televisión e da radio públicas en Pontevedra, o BNG volve levar ao parlamento a demanda da reapertura desta delegación. O deputado nacionalista Luís Bará demándalle a Alfonso Rueda que como veciño de Pontevedra, representante desta cidade e presidente da Xunta tome as medidas administrativas e orzamentarias necesarias para que esta reapertura sexa unha realidade no primeiro trimestre de 2026.
Bará lembra que “O feche da delegación da CRTVG en Pontevedra, sen aviso previo e de xeito inmediato, tivo un forte impacto na cidade xa que provocou o despedimento de 25 persoas entre persoal técnico e de redacción.
O deputado nacionalista Luis Bará volve presentar no parlamento esta demanda cando se van cumprir 15 anos do peche da delegación da CRTVG na cidade
Ademais, converteu Pontevedra na única capital de provincia galega e xunto con Ferrol as dúas cidades sen delegación da canle autonómica e tivo como consecuencia unha importante merma, en cantidade e calidade, da cobertura informativa da actividade xerada no concello e na súa área de influencia.
Para o BNG a recuperación da delegación dos medios públicos en Pontevedra contribuiría a corrixir unha discriminación e debería servir para dar unha cobertura acaída, con obxectividade e neutralidade, sobre a actividade institucional, política, económica, social, cultural e de lecer que se desenvolve na cidade.
O deputado nacionalista sinala como principal responsábel da discriminación que sofre Pontevedra ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Por iso lle demanda através dunha batería de iniciativas parlamentares que o seu goberno, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), aprobe e poña en marcha esta delegación a máis tardar no primeiro trimestre de 2026.