A OFICINA DEFINITIVA INSTALARASE NUN BAIXO NA MESMA CONTORNA
O Concello de Caldas retira da Rúa Real a caseta provisional da oficina de turismo
Caldas, 12 de decembro de 2024. O Concello de Caldas de Reis vén de retirar no día de hoxe a caseta provisional da Oficina de turismo da Rúa Real logo do peche da tempada de atención ao público. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña anunciou que o procedemento para instalar a oficina de maneira estable e definitiva na súa nova localización na mesma contorna está xa moi avanzado. Segundo dixo, “está garantido que o vindeiro ano a información turística se facilitará de maneira estable e permanente dende un dos baixos dos edificios existentes”.
Fariña subliña que a desmontaxe da caseta provisional demostra que a instalación foi unha medida temporal co fin de comprobar o seu bo funcionamento na contorna da Rúa Real e o Camiño de Santiago antes de pechar a decisión do novo emprazamento. “Os datos demostran que foi un acerto total instalar esta oficina provisional ao comezo da rúa Real. E os feitos demostran que a oficina era provisional porque foi retirada: unicamente se quería facer a necesaria proba previa de que ía despachar máis turismo. Ademais, estase a cumprir a miña palabra de que a sede definitiva estará no mesmo lugar, pero xa cunhas dependencias máis amplas, coidadas e de mellor calidade”, destaca o nacionalista.
Segundo as estatísticas realizadas polo persoal técnico da oficina de Turismo, o traslado da oficina da zona da Tafona á Rúa Real deu mellores resultados que os agardados e conseguiu bater a cifra récord de 10.000 visitas na tempada activa entre os meses de agosto e novembro.
No mes de xullo, cando aínda estaba na Tafona, a afluencia de turistas á caseta informativa apenas chegou ás 600 persoas, cifra que se quintuplicou nos seguintes meses: superando as 3.000 persoas en agosto e 3.500 en setembro na oficina provisional da Rúa Real. Os datos recollidos a continuación seguiron sendo espectaculares, xa que o mes de outubro acadou as case 2.000 consultas e o de novembro, as 1.000.
Lembra Fariña que unha das principais deficiencias sobre a atención turística que apuntaron as persoas que se achegaron ata Caldas foron a localización e mala sinalización da oficina cando aínda estaba na Tafona, “polo que agardamos que a experiencia de visita mellore moito o próximo ano, cando xa haberá un novo emprazamento e unhas dependencias axeitadas e definitivas”.