O Concello de Caldas de Reis inaugura o Xardín Botánico e a Carballeira "para recuperar, modernizar e poñer en valor un espazo que forma parte da identidade desta vila"
Caldas, 29 de maio de 2026. O Tenente de Alcalde de Caldas de Reis e Concelleiro de Cultura, Deporte, Turismo e Saúde, Manuel Fariña, foi o encargado de recibir a todas as autoridades e fixo de anfitrión na inauguración do Xardín Botánico, acompañado do Alcalde da vila, Jacobo Pérez, e do Subdelegado do Goberno, Abel Losada.
Na inauguración oficial do Xardín Botánico e da Carballeira de Caldas de Reis, o Tenente de Alcalde salientou que hoxe “non inauguramos simplemente unha rehabilitación, hoxe recuperamos, modernizamos e poñemos en valor un espazo que forma parte da identidade desta vila. Un espazo ligado á nosa historia, á nosa paisaxe e tamén á maneira que temos de entender o noso concello: un lugar para vivir, para convivir e para gozar.”
Manuel Fariña non dubidou en calificar o Botánico de Caldas coma "un dos símbolos de Caldas" que é "patrimonio natural, é memoria colectiva e é tamén unha carta de presentación" para todas as persoas que visitan a vila. O Tenente de Alcalde caldense insistiu, asemade, na necesidade destas obras e subliñou que se fixo "con sensibilidade, con respecto á contorna e coa ambición de mellorar un espazo público fundamental para o municipio coa idea de convertelo no Xardín de Galiza".
Fariña subliñou na súa intervención, diante das autoridades asistentes, que "o resultado está aquí, partindo da base do Plan director elaborado en 2019 por Pedro Calaza, decano do Colexio de Enxeñería Agrónoma de Galiza e profesional de recoñecido prestixio, e con el tamén de director de obra, fixémolo posible. Hoxe temos o noso Botánico recuperado, coa súa grandeza de volta, poñendo a Caldas na vangarda".
En conxunto, destacou Manuel Fariña, "esta reforma permitiu renovar zonas deterioradas, mellorar a accesibilidade, modernizar equipamentos, reforzar a integración paisaxística e facer do Botánico un lugar máis amable, máis seguro e máis funcional para todas as idades".
Inauguración festiva para toda a cidadanía
Tras o acto inaugural con todas as autoridades políticas e representantes da vila e da contorna mañá, sábado 30 de maio, farase un acto festivo e informativo para toda a veciñanza e visitantes para que poidan coñecer de primeira man as obras que se realizaron nestes últimos meses e celebrar que o Botánico volve estar aberto para que toda a cidadanía o viva.
Nesa xornada festiva e de ocio familiar, o Concello ten preparadas visitas guiadas, charlas informativas, xogos para os máis pequenos cunha xincana e un concerto da Banda de Música de Caldas de Reis. Unha xornada festiva onde o Concello pretende que a veciñanza descubra a nova cara do Botánico tras as obras de mellora levadas a cabo nos últimos meses.
“Museo Aberto 24/7” é un proxecto impulsado polo Concello de Caldas de Reis e conta cun orzamento total de 1.452.000 € e está financiado con Fondos NextGeneration EU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a través da Secretaría de Estado de Turismo.
Museo botánico ao aire libre
O proxecto está baseado no concepto de museo aberto 24/7, accesible as 24 horas do día, e entre os principais fitos destacan a rehabilitación integral do parque, a creación dun Centro de Visitantes - Museo 24/7, a dixitalización da experiencia e un evento nocturno de videomapping no Paseo dos Plátanos.
Durante as pasadas semanas, o Concello retirou especies invasoras e plantou 74 novos carballos e exemplares que estiveron no Botánico hai anos. Tamén reformou o Parque dos Choróns, renovou o mobiliario urbano, como bancos e farolas, e ten previsto instalar unha nova estatua dedicada a Francisco Alcarraz, o diseñador do Botánico orixinal en 1884.
Esta actuación inclúe unha nova iluminación ornamental que vai poñer en valor a riqueza patrimonial do Botánico de Caldas. Ademais a experiencia nocturna vaise completar cun espectáculo de videomapping no Paseo dos Plátanos, no que a luz, as copas das árbores e o chan crearán unha atmosfera envolvente.
Información e experiencia inmersiva
No ámbito exterior, instaláronse varios puntos de información con códigos QR para coñecer as especies senlleiras, a historia do BIC e todos os recursos patrimoniais deste espazo emblemático.
En canto o Centro de Visitantes - Museo 24/7, os traballos estanse a finalizar estes días. O centro estará aberto as 24 horas do día e o acceso será automático a través dun código QR.
O museo ofrecerá unha experiencia interpretativa e inmersiva de vangarda que combina realidade aumentada e intelixencia artificial, e permitirá á veciñaza e aos visitantes descubrir e interpretar a historia, a natureza e a memoria viva do Botánico e da Carballeira de Caldas.