O BNG reivindica máis fondos da Deputación para Pontevedra e Vigo tras o último reparto de 20 millóns do Plan Espazo Depo entre os concellos con proxectos europeos
Pontevedra, 29 de maio de 2026. O BNG reclamou hoxe que Deputación de Pontevedra corrixa nas súas vindeiras modificacións de crédito a “distorsión seria” que están a sufrir as cidades de Pontevedra e Vigo no reparto dos fondos provinciais. O voceiro nacionalista César Mosquera realizou esta petición asegurando que a final de ano haberá concellos de 15.000 habitantes que recibirán máis cartos que as dúas principais cidades da provincia o que, lamentou , “non é lóxico nin coherente”.
Mosquera defendeu a necesidade de mellorar a situación das transferencias provinciais a Pontevedra e Vigo na aprobación da inxección de fondos para o novo Plan Espazo Depo, que distribuirá 20 millóns de euros entre 18 concellos da provincia con proxectos europeos aprobados (Vilagarcía de Arousa, Redondela, Lalín, Marín, O Porriño, A Estrada, Ponteareas, Nigrán, Gondomar, Baiona, Tomiño, O Rosal, Tui, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa, Valga, Pontecesures e Catoira). O Bloque apoiou esa iniciativa ao considerar “razoable” que a Deputación contribúa a aliviar o esforzo económico deses municipios nas actuacións subvencionadas pola UE, xa que inicialmente debían asumir o 40 % do custo e agora, grazas á achega provincial, só terán que financiar o 20 %.
Porén, o voceiro do BNG advertiu de que este novo reparto de cartos provinciais “fai que chova sobre mollado” na discriminación que sofren Pontevedra e Vigo. O nacionalista lembrou que ambas cidades teñen conxeladas desde hai anos as contías dos seus convenios coa Deputación, mentres outros concellos continúan recibindo novas achegas a través de diferentes programas provinciais como o Plan + Provincia, o Plan Extra, ou o Plan de Infraestruturas Deportivas, entre outros.
Mosquera sinalou que a final de ano, de feito, haberá concellos de arredor de 15.000 habitantes que recibirán máis fondos provinciais que Pontevedra ou incluso que Vigo. “É lóxico que os concellos pequenos leven máis cartos da Deputación por habitante que os grandes comparativamente”, sinalou Mosquera, quen argumentou, con todo, que “unha cousa é que proporcionalmente as dúas cidades reciban menos e outra é que non reciban nada: é diferente”. Para o portavoz do Bloque a situación actual supón “un erro” e unha “distorsión seria” que debe ser revisada.
Precisamente por este motivo, o BNG solicitou que nas vindeiras modificacións de crédito a Deputación incorpore novas partidas para os convenios específicos de Vigo e Pontevedra. Mosquera lembrou que nos anteriores mandatos provinciais existía unha liña de incremento progresivo tamén para as dúas principais cidades da provincia, seguindo criterios de equilibrio territorial e recoñecendo o peso poboacional, económico e institucional de ambos municipios. “O que pedimos é recuperar esa lóxica e ese equilibrio”, indicou.
Actuacións do Goberno do estado pendentes en Pontevedra
Amais de reivindicar novos fondos da Deputación para a cidade do Lérez, o BNG sumouse á moción do PP para reclamar ao Goberno do estado o remate das obras e actuacións pendentes en Pontevedra. Se no día de onte xa o fixera Fernández Lóres no acto de presentación da súa candidatura á Alcaldía, no día de hoxe, foi Mosquera o que insistiu na “arremetida” das reclamacións estatais, deixando ao lado que o interese do Partido Popular e de Domínguez coa súa petición non era realmente pedir melloras para Pontevedra, senón abrir un debate partidista sobre o goberno de Pedro Sánchez e postularse como candidato do PP ás municipais.
O voceiro nacionalista criticou que realmente sempre hai “liadas” que fan que non haxa avances con respecto aos proxectos estatais para a cidade, nomeadamente nos nó de Bombeiros, no paseo e na Avenida de Marín, na dragaxe do Lérez, e nos usos para o vello edificio de Facenda. Mosquera afeou ao PP que tivera deixado atrás nas súas reivindicacións unha solución para a A57 e tamén a posta a disposición de solo para vivenda. Subliñou que o Estado ten en propiedade solares que son susceptibles de usar para construír vivenda protexida tanto en Campolongo como en Beiramar e lembrou que tanto o BNG en Madrid, como o alcalde a través de negociacións e cartas, xa lles trasladaron estas necesidades aos correspondentes Ministerios.