O Concello de Caldas inicia as obras no Pavillón Municipal de Deportes cun peche dunha semana para realizar demolicións

O Concello de Caldas inicia as obras no Pavillón Municipal de Deportes cun peche dunha semana para realizar demolicións

Caldas, 15 de decembro de 2025.  Concello de Caldas de Reis Caldas vén de iniciar as obras no Pavillón Municipal de Deportes para crear os novos vestiarios e unha sala polivalente. Segundo anuncia o tenente de alcalde Manuel Fariña será necesario pechar as instalacións durante uns dez días para realizar o groso das demolicións, despois dos que a cancha volverá estar operativa de maneira inmediata: os clubs poderán retomar alí a súa actividade a vindeira semana e o alumnado dos colexios poderá utilizar a pista en condicións á volta das vacacións de Nadal. 

Fariña achegouse hoxe ata o equipamento deportivo para dar o ‘pistoletazo’ de saída da reforma xunto ao histórico conserxe das instalacións e o actual monitor deportivo. Alí, subliñou que a intención é minimizar molestias tanto á actividade deportiva xeral como aos colexios próximos, acordando coa empresa adxudicataria, a caldense ‘Decor Rede Rivas SL’, imprimir ritmo aos traballos co fin de acurtar o máximo posible o prazo de execución, que oficialmente é de catro meses.

O Concello advertiu con tempo aos clubs usuarios que durante esta semana non poderían adestrar nas instalacións e deu localizacións alternativas, xa que a previsión é que durante os primeiros días de traballo se realice a demolición da construción baixo a grada. Fariña destaca que o club de baloncesto, por exemplo, foi derivado ao Pavillón de San Clemente e para a semana xa volverá ao pavillón, posto que a pista volverá estar operativa. 

“Queremos simultanear obras e actividade na medida do posible, mais os traballos de demolición poderían supoñer un problema de seguridade pola maquinaria, o ruído e incluso a calidade do aire. Unha vez se tiren as paredes e tabiques necesarios, adecentarase a parte da cancha e xa se poderá volver a adestrar. Os vestiarios, obviamente, non estarán dispoñibles”, subliña o nacionalista.

Por outra banda, ademais de organizar as obras en dúas fases e dúas áreas diferentes de traballos, a adxudicataria intentará “relaxar a tensión acústica” e evitará ao máximo a actividade durante as horas docentes, estando en comunicación constante coas direccións dos centros de ensino próximos (CPI Alfonso VII e IES Aquis Celenis). A construtora comprometeuse tamén a utilizar os medios necesarios (secadoras industriais e sistemas de ventilación forzada) para axilizar as demoras de secado de morteiros e adhesivos pola humidade desta época.

Grazas á reforma, realizarase unha redistribución de todo o espazo que hai baixo as gradas do pavillón, renovando de maneira integral os actuais vestiarios, actualmente en mal estado de conservación, para facelos accesibles e funcionais. Melloraranse todas as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade e ventilación cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental e aproveitarase o espazo restante baixo as bancadas do público para crear un novo espazo de usos múltiples que permitirá organizar un programa de actividades deportivas amplo. 

O Concello de Caldas inicia as obras no Pavillón Municipal de Deportes cun peche dunha semana para realizar demolicións