O Concello de Caldas construirá un novo campo de fútbol 7 na ampliación da zona deportiva das Corticeiras
Caldas, 7 de maio de 2026. A zona deportiva das Corticeiras incluirá un novo campo de fútbol 7. Así o confirmou hoxe o tenente de alcalde e responsable de Deportes, Manuel Fariña, nunha visita aos terreos. O nacionalista explicou que este novo equipamento deportivo auxiliar estará acompañado tamén dunha nova zona verde de esparexemento cuxo proxecto, elaborado polo Concello, sairá a licitación de maneira inminente cambiando a imaxe de 3.800 metros cadrados próximos ao río Umia.
“A grande aposta deste goberno dende inicio de mandato está a ser o deporte”, dixo o nacionalista, quen subliñou que a intención do goberno é poñer a disposición da veciñanza, fundamentalmente da rapazada, instalacións deportivas de calidade tanto para acoller grandes eventos como para promocionar o deporte de base.
O responsable municipal de Deportes subliñou, de feito, que a incorporación dun campo de fútbol 7 nas actuais instalacións municipais non só permitirá dotar de espazos de adestramento ao Caldas CF fóra do campo principal, senón que será de grande proveito para torneos como o ‘Vila de Caldas’, que a pasada Semana Santa reuniu preto de 800 rapaces e rapazas de 48 equipos e 29 clubs galegos e de Portugal.
Fariña, explicou que tan pronto a Deputación aprobe o financiamento da iniciativa a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o Concello iniciará os trámites para a licitación das obras, coa intención de comezalas no verán ou tan pronto sexa posible. A duración dos traballos, unha vez rematados todos os trámites administrativos, será de cinco meses.
“Atendemos unha demanda histórica do equipo de fútbol e sacámoslle rendemento a uns terreos moi degradados e que agora se redistribúen de maneira eficiente”, apunta Fariña, quen subliña que o proxecto é de tal calado que precisa non só da subvención provincial, senón dunha achega municipal tamén elevada para afrontar o orzamento total, que supera os 224.000 euros.
O responsable municipal explica que para poder construír o novo campo de fútbol 7 nas Corticeiras o Concello tivo que modificar os usos da parcela, xa que estaba destinada unicamente á ampliación da EDAR. Agora, parte do solar (2.014 metros) habilitarase como espazo auxiliar de fútbol 7 e outra (1.810 metros) como zona verde de esparexemento para a veciñanza, permitindo abrir unha conexión co paseo do río.
Fariña lembra que a construción do novo campo de fútbol 7 súmase á mellora das gradas e da iluminación nas Corticeiras, ás melloras no pavillón (onde se están a renovar vestiarios e crear unha sala de usos polivalentes), á construción dunha pista multideporte na Tafona, e á habilitación dun circuíto de motocrós para potenciar os deportes de motor na vila termal. “O deporte é un dos eixos do noso goberno, tanto pola promoción dunha vida saudábel como pola promoción e a actividade económica que xera coa organización de eventos ao atraer turismo deportivo”, sinalou o tenente de alcalde.