O Concello de Barro elixe ao investigador e artesán Celso García Alonso como pregoeiro da XLVII Festa do Viño

Presentación de Celso García como pregoeiro da Festa do Viño
Presentación de Celso García como pregoeiro da Festa do Viño
O Concello de Barro elixe ao investigador e artesán Celso García Alonso como pregoeiro da XLVII Festa do Viño

Barro, 7 de maio de 2026. O Concello de Barro xa ten voz para a súa cita máis emblemática. Celso García Alonso será o encargado de dar o pregón da XLVII edición da Festa do Viño de Barro, unha decisión que foi anunciada hoxe oficialmente polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro responsable do evento, Iván Bello Ferreiro.

Celso García Alonso, natural de Portas, pero veciño de Barro dende hai décadas, é unha figura profundamente vinculada ao tecido social e cultural da comarca. Tras unha vida profesional dedicada á rede viaria da Deputación de Pontevedra —un labor que iniciou con 19 anos e que lle permitiu coñecer de primeira man a xeografía provincial—, García Alonso destacou sobre todo polo seu incesante labor de recuperación do patrimonio galego.

O futuro pregoeiro é autor de obras de referencia como "As campás galegas. Fundicións", un exhaustivo traballo de investigación etnográfica, e "Froito dunha ilusión", libro no que narra a historia da Banda Xuvenil de Barro. Ademais da súa faceta como escritor, García Alonso mantén vivo o oficio de oleiro, elaborando pezas con técnicas tradicionais e ferramentas de fabricación propia.

Durante o acto de presentación, o alcalde Abraldes quixo poñer en valor a calidade humana do pregoeiro: "Celso foi escollido porque é unha persoa moi querida entre a veciñanza e representa como ninguén o cariño pola nosa cultura e a nosa historia".

Segundo o rexedor, a súa elección é un recoñecemento a unha vida dedicada a "preservar o que nos define como pobo".

Coa elección de Celso García Alonso, o Concello de Barro reafirma a súa aposta decidida por dar o protagonismo da festa á propia veciñanza do municipio, unha liña de traballo consolidada dende hai anos para que sexa a xente da casa a que sinta e represente a súa festa grande. Deste xeito, a XLVII edición volverá ser unha exaltación da identidade e da cultura local a través dunha das voces máis queridas do seu patrimonio popular.

A lectura do pregón será, como é habitual, no acto de inauguración do Certame Rías Baixas, o venres 19 de xuño a partir das 20 horas.

O Concello de Barro elixe ao investigador e artesán Celso García Alonso como pregoeiro da XLVII Festa do Viño