O Botánico, protagonista da Semana da Ciencia ‘Sabi@ Caldas’
Caldas, 7 de maio de 2026. O Concello de Caldas celebrou unha nova edición da Semana da Ciencia ‘Sabi@ Caldas’ consolidándose como unha cita de referencia para a comunidade escolar. Nesta ocasión, o gran protagonista da festa científica foi o Botánico, aproveitando a coincidencia da celebración cos traballos que se están a realizar para a recuperación e posta en valor deste emblemático espazo natural.
O Concello contará cun espazo propio específico dedicado ao Botánico e á Carballeira, no que se desenvolveron charlas impartidas por persoal experto vinculado ao proxecto de restauración, así como actividades dirixidas á rapazada centradas na riqueza botánica, as árbores senlleiras e as características propias da vexetación de ribeira dos Choróns. Ademais, todas e todos os participantes recibiron un caderno de campo coa nova imaxe de marca do Botánico para tomar anotacións.
A edición deste ano contou coa participación de máis de 1.000 nenas e nenos que realizaron experimentos tanto a pé de rúa como nos propios centros educativos. Como é habitual, a programación incluíu unha ampla mostra de experiencias, exposicións e xogos escolares adaptados a cada idade relacionados con diferentes ámbitos do coñecemento, como teoremas matemáticos, astronomía, intelixencia artificial ou disolucións, entre outros.
A iniciativa, organizada pola Concellería de Educación, conta coa implicación de todos os centros de ensino do municipio: IES Aquis Celenis, CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente de Cesar, CPR Plurilingüe La Encarnación e CPR Plurilingüe San Fermín, así como das escolas de Carracedo, Godos, Saiar e San Andrés integradas no Centro Rural Agrupado.
O tenente de alcalde Manuel Fariña destacou a grande implicación de toda a comunidade educativa, salientando a aposta do Concello por promover a cultura científica entre a mocidade, “para que nenas e nenos exploren o seu potencial”. Así mesmo, incidiu en que neste ano, marcado pola posta en valor da Carballeira e o Botánico “era de recibo facer protagonistas e achegar ao alumnado o coñecemento sobre estes espazos, para que descubran de primeira man a xoia natural que teñen ao seu carón”.
A Semana da Ciencia ‘Sabi@ Caldas’ celébrase dende o ano 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas, científico ilustrado colombiano coñecido como o ‘Sabio Caldas’ e fillo adoptivo da vila. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o interese pola ciencia tanto entre a veciñanza como entre a comunidade escolar, promovendo a interacción.