O Concello aproba prorrogar o convenio coa Deputación para a interconexión subterránea dos edificios do Museo

Edificios centrais do Museo
Edificios centrais do Museo
O Concello aproba prorrogar o convenio coa Deputación para a interconexión subterránea dos edificios do Museo

Pontevedra, 7 de maio de 2026. A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra acordou manifestar a súa vontade política de prorrogar o convenio de colaboración asinado coa Deputación provincial para a cesión do uso do subsolo, destinado á interconexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. Esta decisión oficialízase tras recibir unha carta do vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, na que se solicitaba que o Concello manifestase expresamente o seu interese en ampliar a vixencia do devandito acordo. 

A tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio, Eva Vilaverde, explicou que o convenio orixinal, asinado en maio de 2022, establecía a cesión gratuíta á Deputación do espazo subterráneo necesario para conectar os inmobles do Museo. A vixencia prevista daquela era pola duración das obras ou, excepcionalmente, por un prazo máximo de catro anos, un período que vence este mesmo mes sen que os traballos chegasen a iniciarse. 

Ante a solicitude, Vilaverde quixo deixar clara a máxima colaboración do Concello co proxecto: "manifestamos a dispoñibilidade absoluta non só a prorrogar este convenio, senón plena dispoñibilidade para colaboración e facer todo aquilo que sexa preciso para que estas obras vaian adiante, como quedou claro desde o principio". 

"Nós xa cumprimos a parte que nos correspondía deste convenio que era precisamente ceder gratuitamente o uso do subsolo, modificar o PEPRICA para que estas obras se puidesen levar a cabo", detallou a tenente de alcalde. Cabe lembrar que o pacto supón permitir o uso dun máximo de 355 metros cadrados baixo as rúas Sarmiento, Pasantería e García Flórez. 

Para poder materializar administrativamente esta prórroga, a Xunta de Goberno insta agora á Deputación a que achegue "coa maior brevidade" unha proposta formal do texto de addenda. A intención do Goberno local é adaptar as condicións desa prórroga aos tempos reais que manexa a institución provincial na actualidade. 

"Necesitamos saber que previsión teñen. É dicir, nós prorrogamos o convenio, pero precisamos saber que previsión teñen de duración, de cando van iniciar as obras ou cando pensan telas rematadas para poder prorrogar neses mesmos termos o convenio", subliñou Eva Vilaverde. 

O Concello aproba prorrogar o convenio coa Deputación para a interconexión subterránea dos edificios do Museo