DESCARTA A SÚA RESTAURACIÓN
O Concello substituirá as tres pasarelas de madeira da Illa do Covo por seguridade
Pontevedra, 7 de maio de 2026. O Concello de Pontevedra acordou a substitución integral das tres pasarelas de madeira que dan acceso á Illa do Covo, descartando así a posibilidade de reparalas. Esta decisión tómase logo dunha segunda inspección técnica en profundidade que revelou un importante grao de deterioro nos soportes, provocado pola presenza de fungos de pudrición nunha contorna de alta humidade.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, foi a encargada de dar conta deste acordo, explicando que a situación da madeira é preocupante. "A conclusión á que chegamos é a de que non se van a amañar, que se van a substituír as tres", declarou Vilaverde. As revisións constataron que os danos principais atópanse nas cabeceiras da estrutura e "os amaños a realizar eran moitos e, por unha cuestión de seguridade proponse substituílas e que se fagan unhas pasarelas novas", engadiu.
Aínda que estas infraestruturas teñen aproximadamente uns 15 anos de antigüidade, as condicións propias da contorna fluvial aceleraron a súa degradación. A revisión das infraestruturas singulares que o Concello está a desenvolver en todo o municipio permitiron detectar este problema. "Afortunadamente detectámolo a tempo, non pasou nada, non houbo ningún incidente e con isto o que facemos é evitar que os haxa", manifestou a tenente de alcalde.
A decisión de optar por estruturas novas implicará que as pasarelas estean inhabilitadas durante un período de tempo maior ao previsto inicialmente con vistas a unha reparación "porque hai que proceder a facer o proxecto da obra de substitución para poder abordalo", advertiu Vilaverde, quen pediu "un pouco máis de paciencia" á veciñanza, pero garantindo que "van quedar mellor".
Este incremento nos prazos ten un impacto directo na programación cultural máis próxima, concretamente no festival Surfing the Lérez. A tenente de alcalde foi tallante respecto ás datas: "seguro que non chegan para o Surfing. Xa era difícil no caso de ter que restauralas, pero agora é practicamente imposible. Hai que facer o proxecto, licitalo e executalo".
Por este motivo, o Concello e a organización xa reordenaron toda a configuración do festival para poder realizalo sen utilizar estes accesos. Todo o evento, incluídos os escenarios e a infraestrutura, desenvolverase na parte interior da illa, máis próxima ao río.
Mentres tanto, as pasarelas actuais quedarán aseguradas e absolutamente inhabilitadas.