O Concello de Caldas celebra O sábado 16 a súa V Carreira de Orientación polos montes da vila termal
Caldas, 12 de maio de 2026. O Concello de Caldas de Reis vai celebrar este sábado pola tarde a quinta edición da súa Carreira de Orientación, neste caso polos montes de Santa María, nunha cita que xa está consolidada e que contará con máis de 200 persoas participantes entre as súas tres modalidades. O tenente de alcalde Manuel Feriña subliña que ante o tempo previsto e a alta participación de deportistas e familias, a xornada promete moi bo ambiente.
A proba terá lugar entre as cinco e as oito da tarde polo medio dos camiños e sendeiros do monte de Santa María, así como pola contorna de Segade e o río Umia, entre a natureza. A organización proverá dun mapa do monte ás persoas participantes, así como dunha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada baliza. Competirase na modalidade Rogaining, que consiste en conseguir o maior número de puntos (cada punto de referencia terá unha puntuación diferente) no menor tempo posible.
Quen queira participar poden facelo de maneira individual ou por grupos (ata seis participantes por equipo). As categorías son ‘xestiñas’, para crianzas, cunha proba sinxela física e tecnicamente de menos de 4 quilómetros en total; ‘xestas’, unha categoría para persoas adultas, con nivel físico e técnico medio e menos de 5 quilómetros en total; e ‘xesteiras’, para persoas con coñecementos de orientación medios e altos e nivel físico e técnico alto (de máis de 7 quilómetros en total). As saídas serán en masa, todo o mundo da mesma categoría á vez. Ao rematar a proba pódense consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa-guía.
As inscricións –totalmente de balde- aínda están abertas na páxina xestanatureza.com. Para as persoas interesadas en profundar no regulamento e os detalles do evento, ademais dos datos dispoñibles en xestanatureza.com, pódese solicitar máis información no teléfono dos responsables técnicos 644 56 76 14 ou en info@xestanatureza.com.
O tenente de alcalde Manuel Fariña fai unha chamada a participar nesta proba xa consolidada no calendario deportivo caldense (iniciada en 2024 cunha grande resposta de público) e a gozar da contorna privilexiada de Caldas.
“O noso obxectivo é que esta carreira de orientación sexa unha experiencia para todas as idades, unha maneira diferente de descubrir os montes de Caldas á vez que se fai deporte e se aproveita unha xornada de natureza en familia ou coas amizadas. Temos unha contorna privilexiada e queremos aproveitala dunha forma activa, saudable e divertida, por iso animamos a participar tanto ás persoas con experiencia como a quen nunca fixo unha proba destas. Haberá percorridos adaptados a distintos niveis e o importante é pasalo ben e descubrir o territorio”, subliña o nacionalista.
O vindeiro domingo 31 pola mañá celebrarase tamén a Carreira de Orientación urbana, na que as persoas participantes utilizarán como guía un mapa da vila.