O BNG esixe un Plan Integral de rehabilitación para a N-640 en Caldas e denuncia a continua “política de parches” do Ministerio

Carme da Silva, Manuel Fariña e membros do BNG diante dunha fochanca na n-640 no centro de Caldas
Carme da Silva, Manuel Fariña e membros do BNG diante dunha fochanca na n-640 no centro de Caldas
O BNG esixe un Plan Integral de rehabilitación para a N-640 en Caldas e denuncia a continua “política de parches” do Ministerio

Caldas, 12 de maio de 2026. O Bloque Nacionalista Galego reclamou ao Goberno do Estado que realice obras “de calidade e con vocación definitiva” fronte á política de “parches” que, segundo denuncia a formación nacionalista, está a aplicar o Ministerio de Transportes nos últimos anos na N-640.

A senadora Carme da Silva Méndez apunta que os temporais do inverno evidenciaron o mal estado da vía ao seu paso polo termo municipal de Caldas de Reis. Ante esta situación, a  nacionalista urxe o Goberno, no concreto o Ministerio de Transportes, a levar a cabo actuacións de mellora e rehabilitación da estrada e avanza o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado.

“O BNG defende un Plan Integral de mellora e rehabilitación da N-640 para garantir a seguranza viaria e o Ministerio de Transportes debe cumprir os compromisos adquiridos no Acordo de Investidura”, afirma con contundencia.

Pola súa banda, o portavoz local do Bloque urxe a chegada de maquinaria nos vindeiros días para realizar traballos nas estradas estatais, e que estes traballos non só se centre no asfaltado anunciado da N-550, senón que tamén se utilice para rematar os labores de mantemento na N-640. Lembra Fariña, tal e como denunciou a finais de abril, que da actuación de mantemento prevista apenas se executou un treito, deixando outro  dentro do termo municipal nun estado “moi precario”, con importantes deficiencias no pavimento, fochancas e zonas deterioradas” que afectan tanto á seguranza viaria como á imaxe e á actividade económica da vila.

O nacionalista insiste en que Caldas precisa “unha actuación integral completa”, cun fresado e reposición do firme en condicións. Fariña considera que as obras actuais na N-640 non supoñen unha solución real ás necesidades posto que apenas supuxeron unha mellora superficial da capa de rodadura, que o que fixo foi deixar a estrada con ‘boa cara’ a curto prazo, pero sen solución real a medio e longo prazo. Esta actuación que agora propón o Ministerio, e que aínda non sabemos se mellorará todos os treitos existentes -insistiu- é pan para hoxe e fame para mañá”.

O Bloque de Caldas recalca que vixiará o desenvolvemento das obras e continuará esixindo ao Estado investimentos “á altura”, apostando por solucións definitivas que eviten que a estrada volva deteriorarse ao pouco tempo de ser reparada. 

O BNG esixe un Plan Integral de rehabilitación para a N-640 en Caldas e denuncia a continua “política de parches” do Ministerio