Pontevedra celebra ‘Maio, mes da lingua’ con máis de 20 propostas culturais para todos os públicos entre maio e xuño
Pontevedra, 12 de maio de 2026. Pontevedra, 12 de maio de 2026. O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou unha nova edición de Maio, Mes da Lingua, un variado programa de actividades que converterá a cidade e as parroquias nun espazo de celebración, encontro e reivindicación da lingua galega ao longo dos meses de maio e xuño. O concelleiro destacou a “natureza participativa e colaborativa deste proxecto que están implicadas unha vintena de entidades locais”.
Antes de ceder a palabra ás entidades asistentes, Gómez apuntou que “este ano pensamos que era importante facer un esforzo para dirixirnos tanto a mocidade como cativada, porque é onde realmente temos que conseguir a transmisión da lingua, é onde temos auténticos problemas. É importantísimo que o goberno galego faga un esforzo, que non está facendo, para que a lingua galega se transmita entre os nenos e nenas e na mocidade”.
A programación, que reafirma o compromiso do Concello coa promoción e dinamización da lingua galega, chega ata xuño e inclúe máis de vinte propostas culturais, educativas e de lecer dirixidas a públicos de todas as idades, cunha especial atención á infancia e ás familias a través do programa Apego con contacontos, espectáculos, mitoloxía galega, concertos, foliada, teatro, ioga en familia, xogos tradicionais, obradoiros e actividades musicais ás que as familias con cativada de 0 a 6 anos poden acceder a través de apuntate.pontevedra.gal
Tamén terán lugar entre moitas outras iniciativas o Correlingua o xoves 21 de maio, a representación ‘Vertixe’ de Teatro con Lingua o 24 de maio ás 20.00h na Casa Verde de Salcedo, a gala ‘Ben Veñas, Maio’ o sábado 30 ás 18.00h no salón de actos do Pazo da Cultura ou as entregas dos premios de relato curto da FAMPA o 4 de xuño e os Mil Primaveras o 13, ambas tamén no Pazo.
Ramón González Varela, presidente da ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas, organizadora do ‘Bolboretroula’ que terá lugar o sábado 16 a partir das 11 da mañá no Parque de Cabanas, apuntou a colaboración do Concello para que “este iniciativa, que xa fixemos de xeito máis humilde o ano pasado e destinada en orixe a familias da ANPA, sexa agora unha xornada de convivencia e lecer para todas as familias que queiran vir. Contaremos con Cé Orquestra Pantasma e o seu xogueteiro, o grupo Cantanascroas para facer uns Cantos de Taberna Miúda, un contacontos de Celso Fernández Sanmartín, un obradoiro de baile tradicional da man de Erica Iglesias, o espectáculo ‘Brincadeiras da lingua’ de Migallas Teatro e o peche da man de Refugallo Rock. Aproveitaremos tamén para facer unha homenaxe a Begoña Caamaño polo Día das Letras a través de diferentes actividades. Os nenos do cole fixeron traballos , debuxos, códigos QR para escoitar historias de Begoña. Vai estar moi chulo”.
Por último desde a Asociación A Pedreira, Roi e Ana Vidal debullaron o programa da súa ‘Festa da Lingua’ deste sábado 16 destacando que “o sentido deste centro social é o traballo arredor da lingua, especialmente coas crianzas a través de A eira do xogo, un grupo de crianza en galego co que traballamos semanalmente. Nesta Festa de Lingua, a festa máis importante do ano, traeremos un concerto de música en galego para público infantil da man de Brais das Hortas e Peter Punk e actividades típicas xogos infantís con Sororas, unha ruada con Foula, as Pandereteiras de Quireza, unha manifestación con saída ás 18.30 da Peregrina con solta de libros pola cidade e para rematar unha foliada con concerto de Polavila”.