O Concello de Barro investirá máis de 100.000 euros na mellora do parque natural Ría de Barosa
Barro, 22 de febreiro de 2021. O Concello de Barro vai executar nos próximos meses o proxecto de mellora e conservación no Parque Natural Ría de Barosa, para o cal xa conta cos informes preceptivos e autorizacións sectoriais tanto de Augas de Galicia como da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, estando pendente unicamente a aprobación do Proxecto de Control arqueolóxico para a contratación das obras.
Con esta actuación, que ten un orzamento de 100.210,79 euros, o Goberno Municipal busca mellorar a accesibilidade a todo o parque, realizar diversas tarefas de silvicultura, como desbroces, plantación de árbores autóctonas e a eliminación de especies invasoras, realizar tarefas de mantemento nas pontes, mesas, muíños e outros elementos, así como a mellorara e a seguridade da ruta de sendeirismo.
Ademais dotarase de novos baños públicos que alivien a sobrecarga de usuarios nos existentes e farase unha importante mellora da accesibilidade tanto da rampa de acceso á zona baixa do parque como no acceso á illa desde a zona norte do mesmo.
O Parque de Barosa é un entorno cun enorme valor natural, etnográfico e patrimonial que recibe cada ano a milleiros de visitantes, polo que é preciso realizar de forma periódica tarefas de mantemento e de protección dos elementos naturais e patrimoniais.
O Goberno municipal agarda contar proximamente coa aprobación do Proxecto de Control arqueolóxico para nos vindeiros meses poder comezar o proceso de licitación para que tanto a veciñanza de Barro como as persoas que nos visitan poidan gozar deste entorno cunha maior accesibilidade e mellora nos seus servizos.
Esta será a primeira actuación integral sobre este espazo no que non se volvera actuar desde que se executou o proxecto inicial e con ela búscase facer un mantemento de todo o que se deteriorou co paso dos anos e mellorar varios aspectos que non quedaran ben resoltos no seu día.