O Concello de Barro pon en marcha "Brindemos polo noso", unha campaña para promocionar os viños de calidade de Barro
Barro, 8 de xuño de 2021. A situación sanitaria non permite a celebración da tradicional festa do viño, evento fundamental para a promoción da calidade dos viños elaborados en Barro, polo que o goberno municipal porá en marcha un campaña para promocionar tanto os viños como a hostalería locais.
A campaña leva por nome "Brindemos polo noso. Viños de Barro, viños de calidade" e desenvolverase desde o día 11 ata o 27 de xuño. Durante estes días poderase degustar viño das catro adegas que elaboran viño en Barro (Casaley, Moraima, Cabana das bolboretas e Adegas do rexurdir) nos bares e restaurantes adheridos á campaña por un prezo módico.
Bar A Rula, Taberna Breixo, Muiñada de Barosa, Bar Plaza, Restaurante A Eira, Outro Aire, A Taberna de Rey, O Labrego e Eira D´arriba, son os nove establecementos que se sumaron á campaña e nos que se poderán degustar viños das adegas de Barro que elaboran viño ao amparo do selo de calidade da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Cada un destes establecementos sorteará un lote composto por viños das catro adegas participantes entre a clientela que consuma viño de Barro.
O Alcalde Barro, Xosé Manuel Fdz. Abraldes, salientou a importancia de traballar conxuntamente entre sectores, e este é un claro exemplo: “A simbiose entre adegas e hostalería de Barro redundará en beneficios para ambos sectores, mais tamén para a veciñanza e visitantes, pois poderán probar viños de moi alta calidade a un prezo moi inferior ao habitual en viños desas características.”