TÉCNICOS DA CONSELLERÍA DE SANIDADE AVALIAN POSITIVAMENTE OS TERREOS OFERTADOS POLO GOBERNO MUNICIPAL
Barro, máis perto de contar cun novo centro de saúde
Barro, 5 de xuño de 2021. Cumprindo co compromiso adquirido polo conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, os responsables técnicos da Consellería visitaron Barro ara avaliar os terreos ofertados polo concello para a construción dun novo centro de saúde na localidade.
Durante a visita os responsábeis municipais mostráronlle aos técnicos da Consellería os terreos que o concello ten reservados para este equipamento e estiveron analizando as distintas opcións para executar esta nova construción.
Os representantes da Consellería manifestaron a necesidade dun novo centro de saúde en Barro e trasladáronlle ao alcalde que os terreos ofertados son axeitados e que precisarían dispoñer de arredor de 400 m2 para construír unha edificación que poida albergar todos os espazos necesarios para poder prestar a atención sanitaria de forma adecuada á veciñanza de Barro.
O alcalde comprometeuse a que nas próximas semanas se aprobará a cesión da superficie demandada, dentro dos terreos que están reservados no PXOM para equipamentos destas características, co obxectivo de que desde a Consellería se poidan iniciar os trámites e os estudos previos para a elaboración do proxecto.
A construción do novo centro de saúde é unha reivindicación permanente que desde que Abraldes chegou á alcaldía se lle leva facendo á Consellería de Sanidade, xa que o edificio actual ten moitos anos e non cumpre as condicións necesarias para prestar un servizo sanitario de calidade á veciñanza de Barro.