O Concello de Barro pon a disposición da Xunta os terreos para a construción dun novo centro de saúde

Abraldes, acompañado polo deputado Manu Lourenzo e os concelleiros Iván Bello e Rocío Martínez diante do vetusto centro de saúde
O Concello de Barro pon a disposición da Xunta os terreos para a construción dun novo centro de saúde

Barro, 28 de xaneiro de 2021. No Pleno da corporación celebrado na tarde do mércores 27 de xaneiro aprobouse, cos votos a favor de BNG e PSOE, a proposta do Alcalde, de pór a disposición da Xunta de Galiza os terreos para a construción dun novo Centro de Saúde en Barro.

O Centro de Saúde actual xa ten cerca de corenta anos e non reúne as condicións técnicas exixíbeis para a prestación dun servizo público tan esencial como é o sanitario. 

Ao longo destes anos, desde que Xosé Manuel Fernández Abraldes chegou á Alcaldía, mantivéronse conversas cos responsábeis da Consellería de Sanidade, que recoñeceron a necesidade dun novo Centro de Saúde para Barro e nas que o Alcalde lle comunicou que o Concello tiña reservados terreos para un novo centro médico. 

A construción dun novo centro de saúde é unha prioridade do goberno municipal desde que Xosé Manuel Fernández Abraldes chegou á alcaldía de Barro

Os terreos que se poñen a disposición da Xunta para a construción do novo Centro de Saúde están reservados no planeamento urbanístico de Barro para a construción deste tipo de equipamentos sanitarios.

Lembrar que o BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2021 na que se instaba ao goberno galego a facer un investimento dun millón de euros para a construción dun novo centro de saúde que dese resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Barro, iniciativa que foi rexeitada polo PP.

No Pleno tamén se aprobou unha moción conxunta do PSOE e do BNG para exixirlle á Xunta de Galiza axudas inmediatas aos sectores económicos afectados polo cese da súa actividade forzada polas restricións aprobadas pola propia Xunta e tamén para propor que  Xunta, Deputacións e Concellos creen un fondo común para o impulso económico de axuda ao sector da hostalaría onde cada administarción aporte a mesma porcentaxe do seu orzamento. Para a aplicación deste fondo, elaboraríanse unhas bases consensuadas entre a FEGAMP e a Xunta de Galiza.

O Concello de Barro pon a disposición da Xunta os terreos para a construción dun novo centro de saúde