O Concello de Barro crea "Sen ir máis lonxe", guía do tecido empresarial do municipio
Barro, 4 de xaneiro de 2022. O Concello de Barro saca á luz unha guía coa información de todos os establecementos e profesionais do Concello de Barro. Esta sorte de páxinas amarelas locais é un proxecto no que o concello leva traballando meses e no que se apuntaron de forma voluntaria máis de 140 empresas e autónomos da localidade.
Con esta actuación o Goberno municipal pretende dar visibilidade ao gran número de establecementos e profesionais que hai no concello e recompilalos para facerllo chegar a toda a veciñanza, co fin de dárlles visibilidade e publicidade, á vez que se lle facilita á veciñanza o acceso rápido e áxil a toda a información.
Crear unha economía de proximidade comeza por saber que podemos dispor do que temos máis perto, e con esta idea sae do prelo esta primeira guía que conta cun gran número de negocios e que tivo gran acollida entre todo o sector empresarial do concello. Esta guía está divida en tres categorías: hostalaría, comercio e servizos e nela os usuarios poden atopar multitude de produtos e servizos que se ofrecen en Barro.
Un total de 2000 exemplares xa están impresos e están chegando nestas datas a cada unhas unha das vivendas do Concello. Este gran esforzo terá unha importante repercusión na economía local, pois supón dárlle un importante empurrón publicitario a moitos negocios que doutra forma non terían.
Ademais deste formato físico que o concello está entregando en todas as vivendas e establecementos, tamén se creará unha sección dixital con toda esta información dentro da páxina web do Concello de Barro, para que se poida ir actualizando con novas empresas e, ao mesmo tempo, quen o desexe poida ter acceso a ela desde calquera dispositivo electrónico.