O BNG lamenta que os orzamentos de Moraña continúen sen dar resposta ás necesidades do Concello
Moraña, 29 de decembro. O BNG lamenta o atraso e a volta atrás para Moraña que van significar os novos orzamentos municipais para o ano 2022 e que o Partido Popular presente aprobar no pleno previsto para mañá xoves día 30. Para Marcos Suárez estes orzamentos son “absolutamente anacrónicos e descontextualizados das necesidades actuais das veciñas e veciños de Moraña, máis neste tempo de pandemia e crise económica derivada que nos tocou vivir”. Suárez lamenta así mesmo que os “orzamentos sexan un rápido copia e pega de outros anos, como se estiveramos aínda no ano 2017, e que unha vez máis estes non sexan uns orzamentos sociais, expansivos e caian de novo no grande erro de non reflectir o contexto económico e social no que estamos a vivir nestes momentos".
Para o voceiro municipal do BNG "esta proposta de orzamento amosa ás claras un goberno paralizado, sen ideas e sen xestión. Neste orzamento as necesidades do concello fican no esquecemento e a única novidade salientábel é que os orzamentos carecen de políticas claras e concretas para desenvolver en Moraña". Engade Suárez que "o PP elaborou un proxecto de orzamentos afastado da realidade municipal, sen ter en conta as prioridades e principais necesidades para Moraña. Un orzamento que, un ano máis non ten en conta a realidade económica e social actual, marcada pola pandemia COVID19".
Suárez explica o voto en contra do BNG a estes orzamentos xa que "son un mero corta e pega de orzamentos doutros anos, o que vén a indicar, reitero, que temos un goberno municipal sen ideas e sen capacidade de xestión. Son uns orzamentos que, un ano máis esquecen ao rural, que se atopa nun estado de abandono e deixadez absoluto, e cos orzamentos que o PP pretende aprobar, non se vai reverter a situación, xa que non hai partidas directas de investimentos e dotación de servizos para o rural". Ademais, engade Suárez, "non están definidas as políticas a corto e medio prazo para desenvolver en Moraña, o que é o fiel reflexo de fracaso proxecto político do PP, que non foi quen de avanzar en temas fundamentais para Moraña tres anos despois de ter comezado o seu novo mandato.
Ademais o BNG tamén bota en falta nesta proposta de orzamentos do Partido Popular unha aposta clara e decidida pola inversión, xa que esta só é dun pouco máis do 1% do total da proposta orzamentaria, así como partidas suficientes para rematar de dotar ao 100% das veciñas e veciños de Moraña de saneamento, partidas estratéxicas para paliar o grave problema do despoboamento, con máis de 300 veciños/as menos no Concello en 10 anos. Ademais, nesta proposta de orzamentos non sube nin un euro o gasto social comparado e tampouco hai un aumento significativo e suficiente de axudas á promoción das actividades das asociacións de Moraña, mais si continúan partidas polémicas de propaganda gobernamental con partidas superiores aos 5000 euros nalgúns casos.