INSTA Á XUNTA A ABRIR UN PROCESO DE PARTICIPACIÓN E DIÁLOGO PARA A ELABORACIÓN DUNHA NOVA PLANIFICACIÓN DO SECTOR EÓLICO

O BNG insta á Xunta a paralizar o parque eólico dos Cotos, en Cerdedo Cotobade

O BNG insta á Xunta a paralizar o parque eólico dos Cotos, en Cerdedo Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 28 de decembro de 2021. O pasado 23 de decembro de 2021 publicouse no DOG a Resolución do 15 de decembro de 2021 pola que se somete a información pública o parque eólico dos Cotos, no concello de Cerdedo-Cotobade. Este acto administrativo é consecuencia do acordo do Consello da Xunta do 21 de outubro de 2021 polo que se declara o citado parque eólico “iniciativa empresarial prioritaria” e do acordo do 25 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética, polo que se acorda a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes, coa conseguinte redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario.

O primeiro que chama poderosamente a atención é a data na que se somete a información pública o proxecto, en pleno nadal, e cun prazo de só quince días para a presentación de alegacións. Todo parece indicar que se trata dunha artimaña para limitar e dificultar a participación pública, xa que estamos a falar de documentos técnicos moi complexos, que suman en total máis de 3.000 páxinas. Unha participación que ademais resulta moito máis difícil nun contexto de pandemia e polo tanto de restricións nas reunións públicas e no acceso e consulta presencial da documentación.

Resulta chamativo que durante os dous meses transcorridos desde a declaración de “iniciativa empresarial prioritaria” e da aprobación da tramitación de urxencia se oculte a información á veciñanza afectada, e despois se impoña un prazo extremadamente breve para a información pública. Todo isto forma parte dun “modus operandi” da Xunta para favorecer os intereses empresariais, facilitar a tramitación dos proxectos, e dificultar a participación da veciñanza.

Centos de hectáreas afectadas

Con respecto ao proxecto, o parque dos Cotos ten unha poligonal de centos de hectáreas nas parroquias de Viascón, Carballedo, Rebordelo, Loureiro, Borela e Augasantas (concello de Cerdedo-Cotobade). Ten unha potencia total de 30 MW, con 6 aeroxeradores de 5 MW, e unha altura total duns 200 m sumando a envergadura do fuste e das aspas. Ademais, inclúe a construción dunha subestación, unha liña de media tensión, e grandes explanacións do terreo para o acceso e construción do parque.

A maiores, prevese a construción dunha liña de alta tensión através dos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra até a subestación eléctrica de Ponte Sampaio.

Trátase a todas luces dun proxecto aberrante polas súas dimensións e polo xeito de tramitación, de costas ás comunidades locais e á veciñanza das zonas afectadas. Na práctica constitúe un proxecto de industrialización do monte, que responde a un modelo agresivo, depredador dos recursos naturais, que favorece os intereses lucrativos das empresas promotoras e que vai causar graves perxuicios no territorio: na paisaxe, nos usos tradicionais do medio, nos recursos hídricos e mananciais de abastecemento de auga, no valor do chan incluido na poligonal, nas espectativas como zona residencial ou turística, e na calidade de vida da veciñanza, que se verá afectada polo ruído, a intrusión visual, a contaminación lumínica ou o efecto sombra.

Un modelo eólico amplamente cuestionado

Tal e como se está a levar a cabo, e como se pon de manifesto neste proxecto, o actual modelo de desenvolvemento eólico promovido pola Xunta de Galiza constitúe un ataque ao país, ao territorio, ás persoas que viven no rural e ás garantías democráticas fundamentais.

Numerosos informes e estudos de diversas entidades cuestionan a planificación e o desenvolvemento do sector eólico que está a impoñer a Xunta. Organizacións ecoloxistas, concellos, comunidades de montes, organizacións agrarias, plataformas veciñais, o Observatorio Eólico Galego (UVigo) e o Consello da Cultura Galega, entre outras entidades, advirten das eivas, das carencias e das consecuencias negativas deste modelo e reclaman a súa paralización, así como a apertura dun proceso de diálogo e participación para a elaboración dunha nova planificación.

Polo anteriormente exposto, o grupo parlamentar do BNG presentou a seguinte proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión

“O parlamento insta á Xunta a paralizar a tramitación do parque eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, e a abrir un proceso de participación e diálogo para a elaboración dunha nova planificación do sector eólico respectuosa co medio e coas comunidades locais, xusta, social, sustentábel, e que responda aos intereses do noso país e da veciñanza do rural”.

A maiores da proposición non de lei, o deputado nacionalista formulou as seguintes preguntas:

  • Considera normal o goberno galego someter a información pública o parque eólico dos Cotos en pleno período de nadal e con só 15 días para a consulta da documentación e a presentación de alegacións?
  • Cando tivo coñecemento o concello de Cerdedo-Cotobade da aprobación do citado parque eólico?
  • Que reunións houbo entre representantes da Xunta e do concello de Cerdedo-Cotobade despois da aprobación do parque como “iniciativa empresarial prioritaria” o 21 de outubro de 2021?
  • Vai ter en conta o goberno galego o rexeitamento social maioritario e a oposición das comunidades de montes afectadas ao proxecto do parque dos Cotos?
  • Vai o goberno galego pasar por riba dos intereses da veciñanza de Cerdedo-Cotobade para favorecer os intereses dunha empresa privada?
  • Ten previsto a Xunta abrir un proceso de participación e diálogo para a elaboración dunha nova planificación do sector eólico respectuosa co medio e coas comunidades locais, xusta, social, sustentábel, e que responda aos intereses do noso país e da veciñanza do rural, tal e como solicitou o Consello da Cultura Galega.
O BNG insta á Xunta a paralizar o parque eólico dos Cotos, en Cerdedo Cotobade