O Concello de Barro adxudica un proxecto para a mellora e conservación do Parque da natureza Ría de Barosa
Barro, 29 de novembro de 2021. O Concello de Barro vén de aprobar a adxudicación dun proxecto integral para a mellora e conservación do parque da natureza Ría de Barosa, cun orzamento de 100.000 euros.
Con este proxecto, o Goberno municipal quere realizar melloras en todo parque. A accesibilidade é unha das principais eivas na actualidade, polo que se mellorará a rampla de acceso á zona das fervenzas e construiranse ramplas para acceder á illa desde a zona norte.
Ademais, realizaranse tarefas de:
- Silvicultura, con desbroces, corta de especies invasoras e plantación de árbores autóctonas
- Mellora nas sendas, nas zonas verdes no mobiliario e na sinalización
- Mellora nas zonas de aparcadoiro
- Creación dunha illa de reciclaxe
- Construción de novos baños que alivien a sobrecarga que os existentes sofren nos meses de verán.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes afirmou que "con esta actuación, o Goberno municipal quere mellorar aspectos que se foron deteriorando co paso do tempo e coa presión turística para consolidar este enclave natural como punto obrigado de visita para todas aquelas persoas que queiran gozar da natureza e do patrimonio".