As mocións do BNG en defensa da sanidade pública e sobre as franxas de seguridade, aprobadas polo pleno municipal de Ponte Caldelas
26 de novembro de 2021. No Pleno do concello de Ponte Caldelas celebrado no día de onte no que tomaron posesión dos seus cargos os novos concelleiros do BNG, Sol Seoane e Xavier Lourenzo, aprobáronse as dúas mocións presentadas pola formación nacionalista: unha que facía referencia á mellora da sanidade pública en Ponte Caldelas -aprobada cos votos de BNG e PSOE- e outra sobre o incremento do tempo dado á veciñanza para a limpeza das franxas de seguridade -aprobada por unanimidade-.
Defensa da sanidade pública
O Pleno acordou dirixirse á Xunta para demandar a reposición, con carácter de urxencia, das vacantes médicas producidas no último ano en Ponte Caldelas, así como recuperar o servizo de pediatría a tempo completo.
Na exposición de motivos, Sol Seoane afirmou que a situación que está a padecer a sanidade pública ten un culpábel: “a política de acoso e derribo á que foi sometida polas políticas do PP desde a Xunta de Galiza durante os últimos 11 anos”. Neste sentido, sinalou á atención primaria como o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufríu os recortes, con consecuencias moi graves: masificación nas consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitución de baixas e vacacións, etc.
A portavoz do BNG puxo sobre a mesa dous problemas graves: a non substitución dos dous facultativos que se xubilaron, e a redución do horario de atención pediátrica. Lembrou Sol Seoane que “foi o PP re Rajoy quen aprobou a taxa de reposición que impedía contratar persoal na sanidade e nos servizos sociais con Feixóo como abandeirado, como alumno aplicado da medida ao longo dos anos da crise e que nos deixa unha sanidade pública nunha situación crítica e con menos persoal”.
Franxa de Seguridade
Por unanimidade, o Pleno acordou dirixirse a SEAGA, FEGAMP e Xunta de Galiza para demandar a ampliación do prazo de 15 días dado aos veciños e veciñas de Ponte Caldelas para que manteñan limpa a franxa de seguridade.
Sol Seoane informou que nos últimos días uns 800 veciños e veciñas están a recibir nas súas casas notificacións de SEAGA nas que se lle dá un prazo de 15 días para proceder á limpeza das franxas de seguridade, con ameazas de execución subsidiaria polo Concello e multas se non se procede á limpeza do devandito prazo.
A portavoz do BNG afirmou que todos e todas “concordamos na necesidade de manter limpas as franxas de seguridade para evitar posíbeis desgrazas no futuro, pero calquera que coñeza o monte en Ponte Caldelas e o funcionamento do sector madereiro sabe que en quince días é imposíbel dar cumprimento á devandita notificación, xa que ao traballo preciso hai que engadirlle a solicitude de permisos para a saca de madeira, e o efecto “onda” que leva a numerosos veciños e veciñas a demandar os traballos forestais e de silvicultura ante a escaseza de empresas que poidan facer ese traballo nese tempo”. Ademais -salientou- “hai que ter en conta que estamos nunha época do ano na que os incendios forestais son escasos e non teñen a forza nin o perigo que poidan ter no verán polo que o prazo pódese ampliar a tres meses sen que cause maiores problemas”.