Cerdedo-Cotobade aproba retirar a simboloxía fascista do espazo público

cotobade-memoria-histórica
Cerdedo-Cotobade aproba retirar a simboloxía fascista do espazo público

Cerdedo-Cotobade, 25 de novembro de 2021. Á segunda foi a vencida. Despois de que en xaneiro de 2020 o PP rexeitase a iniciativa do BNG para eliminar a simboloxía franquista do espazo público de Cerdedo-Cotobade, o pleno de novembro de 2021 deu luz verde a outra iniciativa do BNG no mesmo sentido.

Ernesto Filgueira, calificou de fito histórico que o partido máis belixerante coa Memoria Histórica -o PP- se vise obrigado a apoiar a iniciativa do BNG. Un apoio que ten moito que ver coa presión social e coa determinación do BNG para que se dea cumprimento á Lei de Memoria Histórica. 

Ernesto Filgueira animou a Jorge Cubela a cumprir o compromiso de deixar o espazo público libre de símbolos falanxistas e avísalle de que “non se parapete noutras administracións para non executar o que o Concello aprobou por unanimidade”. 

Para garantir a limpeza de todo resto fascista, o Concello creará unha comisión de seguimento na que, ademais das forzas políticas con representación municipal, formarán parte persoas de recoñecido prestixio no ámbito da memoria histórica.

"Para o BNG -dixo Filgueira- é un tema crucial e de fondo interese social que vai seguir minuciosamente por compromiso coa reparación da memoria e por hixiene democrática”. 

Cerdedo-Cotobade aproba retirar a simboloxía fascista do espazo público