Comezan as obras de reforma integral do centro urbano de Arcade

infografía praza de talo rio
infografía praza de talo rio
Comezan as obras de reforma integral do centro urbano de Arcade

Soutomaior, 10 de febreiro de 2026. Veñen de comezar as obras de “reurbanización, mellora e humanización do centro urbano de Arcade como espazo público”. Un proxecto que foi adxudicado por un importe de preto de 1 millón de euros á empresa Construcciones Castro Figueiro SLU. 

Esta obra suporá unha mellora do núcleo urbano de Arcade para favorecer tanto a vida da veciñanza como aos negocios que alí se encadran, e que traerán consigo a transformación da actual Alameda de Talo Río así como parte das rúas de Portal do Ribeiro e Rosalía de Castro. 

As obras comezaron pola zona central da praza sen afectar á parte pavimentada durante, mínimo, dúas semanas. Despois levaranse a cabo os traballos nun lado e noutro da praza e unha vez finalizados quedarían as actuacións nun dos tramos da rúa Rosalía de Castro e outro en Portal do Ribeiro. No momento en que se executen os traballos na Rúa Rosalía de Castro haberá un plan específico e especial de tráfico. O actual parque infantil de Talo Río quedará pechado por precaución e seguridade mentres duren as obras. As árbores afectadas pola obra serán aproveitadas na propia actuación e outras replantadas noutros parques e xardíns do concello. Importante sinalar tamén que nun dos tramos da rúa Portal do Ribeiro habilitarase o carga e descarga e, tamén,  servizos de 15 minutos. 

Dende o Goberno Local quixeron lembrar nesta xornada que na actualidade a praza de Talo Río presenta un importante deterioro e funciona como dúas rúas independentes e non como unha praza. No novo núcleo urbano de Arcade figuran plataformas únicas, a renovación de pavimentos con materiais nobres e un corredor verde con árbores e un bosque no que se integrará o actual parque infantil. Ademais, este proxecto, tamén elimina un dos principais problemas que ten hoxe por hoxe a Praza de Talo Río que son as barreiras arquitectónicas motivadas, sobre todo, por un firme de xabre que no inverno supón un importante problema para as persoas de mobilidade reducida e que ten ademais diferentes desniveis que obrigan as persoas a ter que desprazarse varios metros para transitar a praza dun lado ao outro. 

Ademais, coa obrav aise sanear a zona e resolver o gran problema de separativas de pluviais e fecais nese punto do concello, un problema que traía consigo  importantísimos verquidos á ría. 

Dende o Goberno Local están traballando no novo modelo urbano de Soutomaior, un modelo que xa está vivo e se pode observar en actuacións como as obras do Val-Sobral, do Camiño de Santiago e que, con esta actuación, en Talo Río suporá unha transformación, modernización e mellora importantísima do núcleo urbano de Arcade. 

Dende o Goberno Local quixeron agradecer á veciñanza e os comercios a súa aposta e ilusión co novo modelo urbano que xa se respira no concello. 

Comezan as obras de reforma integral do centro urbano de Arcade