O Cruceiro do Montiño sae das dependencias municipais cara á Escola de Restauración para o inicio da súa recuperación integral
Pontevedra, 10 de febreiro de 2026. Os restos do Cruceiro do Montiño (tamén coñecido como de Casal Novo), situado na parroquia de Lérez, foron retirados esta semana das instalacións municipais onde permanecían custodiados, para trasladalos á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza e dar comezo aos traballos de restauración, tal e como informou esta mañá na Comisión de Urbanismo o presidente da Comisión e tamén responsábel de Patrimonio histórico municipal, Alberto Oubiña.
A redacción do proxecto e a dirección técnica corren a cargo do profesor e restaurador José Manuel Rey Aguiño, especialista en bens escultóricos. Os traballos serán executados polo alumnado da Escola dentro da materia de “Prácticas de conservación activa”, o que engade un valor formativo á recuperación patrimonial.
O cruceiro, un ben de estilo barroco datado en 1737, sufriu graves danos en xullo de 2023 tras ser derrubado por un vehículo, o que provocou a fractura do varal, o capitel e a cruz en múltiples fragmentos.
O plan de traballo estrutúrase en dúas fases:
- Fase na escola: Centrarase na limpeza, eliminación de elementos metálicos oxidados (como antigas cuñas de ferro) e a unión estrutural dos fragmentos do varal, capitel e cruz mediante variñas de fibra de vidro ou aceiro inoxidable.
- Fase in situ: Acometerase a restauración da plataforma e o pedestal no lugar de Casal Novo, así como a montaxe final do conxunto.
O informe técnico advirte que o emprazamento orixinal, nun cruzamento estreito de apenas 2,80 metros, supón un risco para o ben e para a seguridade viaria, ademais de presentar problemas con cableado aéreo que incumpre as alturas regulamentarias.
Por este motivo, o proxecto propón un lixeiro cambio de emprazamento dentro da mesma contorna de protección. Esta medida busca garantir a seguridade do cruceiro fronte ao tráfico rodado e mellorar a súa visibilidade sen que iso teña a consideración administrativa de traslado, ao manterse no seu contexto histórico.
Colaboración coa Escola de Restauración
O concelleiro de Patrimonio histórico, Alberto Oubiña asegurou que no Concello “estamos encantadas de colaborar coa Escola de Restauración. Son uns grandísimos referentes en todo o que fan e na calidade do alumnado que forman. Confiamos plenamente no seu criterio e, de seguro, esta será a primeira de moitas colaboracións”, sinalou o concelleiro.
Ademais da dirección académica, Oubiña confirmou que haberá un seguimento técnico constante por parte do Concello: “O noso arqueólogo vai colaborar con eles en todo o que ten a ver coa revisión das actuacións e prestando o apoio necesario. Sabemos que a Escola conta con excepcionais profesionais entre o seu profesorado e queremos traballar da man nesta recuperación”.