Caldas centraliza as celebracións do Entroido na Tafona
Caldas, 10 de febreiro de 2026. O Concello de Caldas de Reis vai centralizar as súas celebracións estáticas deste Entroido na Tafona. Así o confirmou hoxe o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen subliñou que tanto a festa de máscaras deste venres, a festa infantil do luns e o Enterro da Sardiña do venres 20 faranse neste novo escenario en lugar de na praza de Sesto Casal. O nacionalista tamén confirmou que, debido ao mal tempo, o pasarrúas escolar conxunto previsto para este venres transformarase nunha celebración interna en cada centro de ensino. A previsión é que, a pesares da chuvia, se manteña o desfile principal do domingo co itinerario fixado e os seus máis de 6.000 euros en premios.
O tenente de alcalde e responsable de Festas Manuel Fariña subliñou que a decisión de anular o desfile escolar no que ían participarán máis de 1.000 nenas e nenos de todo o municipio foi tomada en conxunto coa comunidade educativa tanto pola seguridade como pola comodidade da rapazada. A intención é que cada centro faga a festa nas súas instalacións, moi probablemente nos interiores, co fin de gozar sen ter que preocuparse polo mal tempo nun ambiente máis relaxado.
Ademais, o Concello confirmou que levará cadansúas doces tradicionais de Entroido (orellas principalmente) a cada colexio para que a rapazada goce da merenda prometida como broche final da xornada. Fariña subliñou a súa esperanza de que o ano próximo o tempo permita retomar a iniciativa orixinal de xuntar nas rúas da vila a todas e todos os nenos e nenas.
En canto ao resto da programación, festas e bailes, o tenente de alcalde explica que estarán centralizados nunha gran carpa instalada na Tafona que permitirá evitar o mal tempo. Así, o venres pola noite manterase o baile de máscaras organizado por iniciativa privada en colaboración co Concello, que ten confirmado un cheo total con 1.000 persoas asistentes.
Tamén se celebrarán na carpa a festa infantil, o luns 16 ás 17 horas, onde haberá sesión de DJ e espectáculo musical. Igualmente, será na Tafona a celebración do broche final do Entroido, o enterro da Sardiña, o venres 20.
O día central das festas, en calquera caso, será o domingo 15 e desenvolverase polas rúas da vila. Repartirase un importe total de 6.190 euros entre 11 categorías, dúas delas, as de carrozas e de mellor animación, acumulables ás nove restantes: grupos–inclúense aquí comparsas, fanfarrias ou murgas-, parellas e individuais – todas elas nas modalidades de persoas adultas e infantil-, e centros educativos e anpas. O xurado valorará a animación, espectacularidade, orixinalidade e música en directo, outorgando tres premios por categoría de entre os 400 e os 50 euros. Os galardóns entregaranse media hora despois de que finalice o desfile, sobre as nove da noite.