PROMOVIDOS POLO CONCELLO E AFAPO

Comeza un novo curso dos obradoiros de prevención do Alzheimer que chegarán a 12 parroquias de Pontevedra

Comeza un novo curso dos obradoiros de prevención do Alzheimer que chegarán a 12 parroquias de Pontevedra

Pontevedra, 30 de abril de 2026. Os obradoiros de estimulación cognitiva e prevención do Alzheimer que promove a Concellería de Benestar Social coa colaboración de Afapo- Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra están de volta e, nesta ocasión, chegarán a doce parroquias do municipio. 

A aposta polo envellecemento activo é compartida pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, que hoxe presentaron un novo curso  lembrando a importancia dunha detección precoz de Alzheimer e outras demencias para poder abordar terapias e tratamentos dirixidos a atrasar o avance do deterioro cognitivo.

A concelleira Anabel Gulías  subliñou o dobre obxectivo que guían os obradoiros, “por unha banda son un mecanismo de socialización para persoas que viven soas, para maiores que lles custa saír da casa e, por outra, teñen un carácter máis científico, máis técnico centrado na detección precoz do Alzheimer e outras demencias”

O presidente de Afapo agradeceu ao Concello o seu compromiso cunha iniciativa que contribúe a pulsar  a saúde mental da cidadanía,  coidala e  detectar de xeito temperá un posible deterioro cognitivo. Fontenla sinalou que nos obradoiros do pasado ano detectáronse 4 casos de Alzheimer.

O novo curso terá unha duración de 5 meses, dívidido en dúas etapas: unha primeira nos meses de maio e Xuño e unha segunda, desenvolvida en setembro, outubro e novembro. Nesta ocasión os obradoiros, catorce en total, impartiranse nos centros sociais de doce parroquias:  Lourizán (2), Mourente, Marcón, Salcedo, Tomeza, Verducido (2), Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Alba (Reiriz),  Campañó, Cerponzóns e no barrio do Burgo. A actividade terá continuidade nos meses de outubro e novembro.

Van dirixidos a maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neuro-dexenerativa. Nesta quenda do outono son 165 as persoas inscritas nos talleres, inda que están abertos a novas incorporacións. 

As sesións van un paso máis aló que os obradoiros de memoria tradicionais, máis lúdicos e centrados na estimulación cognitiva e interacción social, que tamén promove a concellería dirixida por Anabel Gulías. Neste caso os talleres están coordinados por unha traballadora social e unha psicóloga, que fan unha valoración dos participantes e un seguimento da actividade por se fóra preciso asesorar ou orientar posibles casos de deterioración cognitiva ou sospeita de Alzheimer ou calquera outra enfermidade neuro-dexenerativa. 

Están artellados en sesións con dinámicas de grupo que axudan a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipos e exercicios colectivos (orais) e individuais que traballan distintas áreas: memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, funcións executivas etc.

En Pontevedra viven  32.188 persoas maiores de 55 anos -18.726 mulleres e 13.462 homes- conforme os datos do padrón actualizados a día de hoxe (fonte: Catafís) o que supón o 37,7% da poboación. Delas 19.538 teñen máis de 65. Un perfil demográfico que leva á Concellería de Benestar Social a desenvolver iniciativas dirixidas á participación social  e ocio dos maiores e á promoción da saúde e prevención do deterioro das capacidades psico-físicas co fin de manter a súa independencia e autonomía o maior tempo posible.

 

Comeza un novo curso dos obradoiros de prevención do Alzheimer que chegarán a 12 parroquias de Pontevedra