Aberta unha nova convocatoria do certame "Ben Veñas, Maio" para fomentar a creatividade en galego na mocidade

Aberta unha nova convocatoria do certame "Ben Veñas, Maio" para fomentar a creatividade en galego na mocidade

Pontevedra, 30 de abril de 2026. O Concello de Pontevedra en colaboración cos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros públicos de ensino secundario, convoca unha nova edición do certame “Ben Veñas Maio”, unha iniciativa consolidada como referente na promoción do uso do galego entre a mocidade en ámbitos creativos como a fotografía, a poesía, a narración curta, a banda deseñada ou a música. 

As bases, con algunhas modificacións con respecto a anteriores edicións, están xa dispoñibles para consulta no sitio web do Servizo de Normalización Lingüística e abren desta volta a participación a todo o alumnado matriculado nos IES e CIFP do Concello de Pontevedra, en calquera dos cursos de secundaria, bacharelato ou ciclos formativos. 

O edil de Normalización Lingüística manifestou o “orgullo de participar coa coordinadora de profesores e profesoras dos equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, porque son xa máis de 30 anos da súa constitución. Por aquí pasaron moitas profesoras e profesores, algúns xa xubilados. O equipo segue en pé, o traballo continúa, demostrando que son que de adaptarse aos novos tempos para seguir interesando á rapazada pola creación en Galego e por ofrecerlle aos mozos e mozas de Pontevedra un espazo de socialización en Galego”. 

Manuel Xiráldez, profesor do EDL do IES A Xunqueira 2 e coordinador do “Ben Veñas, Maio” nesta edición foi o responsable de anunciar “diversos cambios substanciais” entre os que destacou a apertura da convocatoria “a todo o alumnado de Pontevedra de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de todos os centros públicos, privados ou concertados. No desenvolvemento dos certames a principal mudanza é que nas modalidades de poesía e narración breve múdase o formato de participación: detectamos presencia de Intelixencia Artificial nestes apartados na pasada edición e optamos por facer un acto de escrita presencial nos propios centros. Teñen de marxe ata o 12 de maio, o IES Sánchez Cantón será dos primeiros o día 5 de maio e no IES A Xunqueira 2 seremos os últimos o día 11 de maio. A rapazada terá dúas horas para escribir alí presencialmente. A temática será libre coa única premisa de facer alusión a obra de Begoña Caamaño, concretamente a Morgana ou Circe, protagonistas das súas obras. É unha boa forma de achegar a mocidade á autora homenaxeada nas Letras Galegas”. 

Outras mudanzas desta edición serán o certame musical, que pasará a ser unha mostra musical durante a gala de entrega de premios o día 30 de maio ás 18.00 no salón de actos do Pazo da Cultura. 

O xurado dos certames estará composto polas persoas coordinadoras dos ENDL de cada centro. O proxecto manterá o seu orzamento destinado aos agasallos, que desta volta serán en forma de vales para libros e/ou material de papelaría. 

Por ultimo, Manuel apuntaba á “desaparición das categorías de creación de reels e curtametraxes, dada a baixa participación rexistrada na pasada edición. 

Aberta unha nova convocatoria do certame "Ben Veñas, Maio" para fomentar a creatividade en galego na mocidade