O BNG reclama ao Ministerio que a futura Rolda Oeste de Caldas conecte coa AP9 a través dun novo enlace en Bemil
Caldas, 30 de abril de 2026. A senadora do BNG Carme da Silva vén de solicitar ao Ministerio de Transportes a necesidade de que a futura Rolda Oeste de Caldas inclúa un novo enlace en Bemil para conectar coa AP9 libre de peaxe. A nacionalista entende que este entronque sería un complemento eficaz á nova avenida para reducir o tráfico do centro da vila termal e mellorar a conectividade do territorio.
Esta petición ao goberno central fíxose pública nun encontro da representante estatal e o voceiro local Manuel Fariña coa Plataforma contra a Variante. O novo enlace de Bemil, explicou Da Silva, foi proposto nunha pregunta na que tamén pediu ao goberno estatal que aclare “con transparencia” e “de maneira oficial” se o trazado da polémica Variante xa foi descartado definitivamente e se o Ministerio vai ter en conta os estudos informativos técnicos existentes para evitar unha nova tramitación da Rolda Oeste.
A senadora subliñou ante a veciñanza que sería “frustrante” botar a perder os estudos informativos dispoñibles e iniciar de novo todos os trámites burocráticos, o que demoraría a solución durante anos. Por este motivo, defendeu no seu escrito para o Ministerio que “é necesario utilizar a documentación aínda válida para axilizar unha infraestrutura tan necesaria”.
A senadora Carme da Silva e o voceiro municipal Manuel Fariña reuníronse con integrantes da Plataforma da Variante para informar dos últimos pasos dados polo Bloque ante o goberno central
Da Silva e Fariña reiteraron na reunión que o BNG sempre defendeu a construción dunha Rolda Oeste de tipo ‘brando’, cunha configuración máis urbana e de menor impacto, por ser unha solución real aos problemas actuais de mobilidade e conectividade da vila termal. Subliñaron que o trazado para executar a nova avenida podería ser semellante á alternativa NC-1b do estudo informativo previo, modificando enlaces e entronques, descartando tirar vivendas e negocios, sen valar, así como incluíndo elementos de calmado de tráfico e un itinerario peonil e ciclista paralelo.
Como complemento á construción da nova Rolda Oeste, apuntaron, o BNG considera necesario liberar de peaxe a AP9, e estudar amais a construción dun novo enlace en Bemil que uniría a autoestrada coa nova avenida. Trataríase, asegurou a nacionalista, dunha medida complementaria eficaz e inmediata para reducir o tráfico polo centro da vila. “Ademais, acabaría cunha discriminación histórica”, abondou.
Pola súa banda, o voceiro local Manuel Fariña, subliñou que Caldas non pode agardar máis anos por unha solución para evitar o tráfico polo centro da vila. Insistiu en que o Bloque vai dar a batalla en todas as frontes, social e institucionalmente, para conseguir que o municipio teña as infraestruturas que merece.