O BNG PROPÓN INVESTIR DOUS MILLÓNS DE EUROS

O Centro de Saúde e o Umia acaparan as melloras do BNG para Caldas aos orzamentos da Xunta

Caldas-diante do centro de saúde2
O Centro de Saúde e o Umia acaparan as melloras do BNG para Caldas aos orzamentos da Xunta

Caldas, 8 de xaneiro de 2021. Dous millóns euros. Este é o importe das emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta referidas a Caldas Reis, que deron a coñecer esta mañá o portavoz municipal, Manuel Fariña, e o deputado no Parlamento Galego, Luís Bará.

As emendas fan referencia a dúas cuestións que o BNG considera prioritarias:

  1. A construción dun novo centro de saúde. A emenda do BNG incorpora un millón de euros, que permitiría asinar o convenio entre o SERGAS e o Concello de Caldas, facer o proxecto e licitar a obra na parcela ofrecida polo Concello na parroquia de Santa María para resolver a grave carencia de espazos que ten o actual centro de saúde, que impide que se poda prestar unha atención sanitaria de calidade e que, obriga, por exemplo, a que o servizo de matrona se teña que prestar noutro edificio. 
  2. Actuación ambiental no río Umia, á que tamén propoñemos destinar un millón de euros. O Umia, a grande arteria que atravesa o concello e a comarca, está nunha  situación sanitaria, ambiental e de calidade das augas realmente preocupante, derivada fundamentalmente do encoro da Baxe. Neste sentido, o BNG considera imprescindíbel actuacións no ámbito sanitario, co control epidemiolóxico; no ámbito ambiental coa protección da bacía e da vexetación da ribeira, coa eliminación das plantas invasoras e coa realización dun estudo sobre a viabilidade da demolición do encoro da Baxe, para corrixir todos os graves problemas que causa esta infraestrutura.
O Centro de Saúde e o Umia acaparan as melloras do BNG para Caldas aos orzamentos da Xunta