O BNG propón destinar máis de 8 millóns de euros para Poio nos orzamentos da Xunta
Poio, 7 de xaneiro de 2021. O BNG vén de presentar as emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza referidas ao Concello de Poio, que superan os 8 millóns de euros, e que, en palabras do deputado nacionalista Luís Bará, son “prioritarias para o desenvolvemento, a calidade de vida e a actividade económica do concello..
A responsábel local, Marga Caldas, lembrou o apagón investidor da Xunta en Poio, onde no actual proxecto de orzamentos só se contemplan 20.000 euros para a a mellora da lonxa de Campelo, unha cifra claramente insuficiente para as necesidades do sector do mar. Neste sentido, Marga Caldas lembrou que o edificio da lonxa ten máis de 20 anos e é necesario realizar actuacións de mellora das instalacións tales como medidas de eficiencia enerxetica que contribúan ao aforro dos gastos correntes, mellora de accesibilidade en todas as dependencias, habilitación dun espazo para uso dos vehículos tractores necesarios para a actividade Portuaria. Unhas actuacións que permitirán mellorar actividade diaria que concentra toda a actividade das tres Confrarías da ría de Pontevedra, e para as que o BNG propón investir 100.000 euros.
Marga Caldas tamén fixo referencia a rehabilitación integral, enerxética e funcional do CEIP de Viñas, unha actuación que está comprometida desde o ano 2011 e que a Xunta mantén atrancada.
Pola súa banda, Luís Bará salientou que nestes tempos de pandemia apostar pola sanidade pública é máis necesario que nunca, polo que, ademais do aumento de persoal sanitario, o BNG demanda unha partida de dous millóns de euros para a construción dun novo centro de saúde, dotado de medios materiais e humanos, que dea resposta ás necesidades sanitarias dun concello de máis de 17.000 habitantes como é Poio.
Salientou Bará outras emendas que repercuten tanto no ámbito económico como social, como o acondicionamento dos portos de Raxó e Covelo, humanizando os entornos urbanos dos mesmos (2,5 millóns de euros), ou a construción dun novo pavillón deportivo que dea resposta ao forte incremento deportivo no municipio.
Por último, o deputado do BNG, fixo referencia á mellora da fronte marítima de Combarro, un espazo de grande importancia histórica e patrimonial, para o que se propón destinar 700.000 euros.
Pola súa banda, Luciano Sobral, fixo fincapé nas demandas de infraestruturas, en concreto na mellora da seguranza viaria e a urbanización da PO-308 entre A Barca e A Seca e na construción do novo vial do Vao, previsto xa no Plan MOVE de 2010 e que permitiría non só desconxestionar o tráfico da Barca, senón tamén humanizar toda a zona.
Por último, o alcalde de Poio, fixo fincapé noutra das emendas presentadas: o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira, imprescindíbel para o desenvolvemento económico do concello.