O BNG de Moraña entrega na Xunta perto de 600 sinaturas pola mellora da atención no centro de saúde
Moraña, 29 de decembro de 2020. O grupo municipal do BNG fixo entrega no rexistro da Xunta de case 600 sinaturas de veciñas e veciños maiores de 18 anos e usuarios do centro de saúde de Moraña pola mellora da atención no centro de saúde. Esta campaña do BNG, que foi iniciada no mes de novembro, reclama ao SERGAS e á Xunta que desconfinen a sanidade pública e que procedan a reactivar de xeito urxente a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade, "eliminando as restricións de acceso actuais e eliminando a cita telefónica para garantir unha atención sanitaria digna á poboación do noso concello" asegura o voceiro municipal nacionalista Marcos Suárez.
Para Suárez esta campaña e este “elevado volume de indignación que amosa o número de que ata 600 veciñas e veciños asinaran e compartiran estas demandas ten que ser unha grande chamada de atención ao Partido Popular e ao goberno da Xunta a respecto das súas continuadas políticas de recorte e demolición dos servizos públicos, e – engade o concelleiro – de maltrato a Moraña e ao conxunto da súa veciñanza. Os veciños e veciñas están moi cansos de ter un servizo tan esencial como o do centro de saúde mermado pola continua falta de persoal e recursos, que está a provocar xa graves consecuencias na saúde da veciñanza e tamén na situación dos profesionais, aos que un día máis dende aquí, enviamos todo o noso apoio”. Suárez agradeceu aos centos de veciños/as que fixeron desta recollida de sinaturas a maior campaña realizada dende o Concello e quixo tamén agradecer a moitas outras veciñas e veciños, sobre todo xente maior, á que polas situación da COVID-19 non se puideron achegar pregos ás súas casas pero das que tamén soubemos o seu apoio á campaña”.
Neste senso, a concelleira Mariña Búa enumerou a listaxe de problemas acaecidos durante estes anos no centro de saúde de Moraña provocados polos do Partido Popular na sanidade pública. Problemas entre os que destacan "a amortización dun posto de traballo de celador, a ausencia dun profesional de pediatría durante máis de 70 días, só recuperado parcialmente tras unha dura loita veciñal, e o continuo empeoramento do servizo que se produce porque o SERGAS non cubre nunca as vacacións e os permisos ou baixas do persoal sanitario do centro, o que provoca un colapso na atención con ringleiras nas aforas do centro, un feito que se deu en moitas ocasións este mesmo ano".
Os tres concelleiros nacionalistas rexistraron ante a Consellaría de Sanidade o prego de demandas pola recuperación da atención presencial e a mellora de recursos do centro
Búa lembrou ademais que "esta pandemia ocasionada pola COVID puxo ao límite o sistema sanitario, cuestión ante a cal a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial tal como pasa no centro de saúde de Moraña, centrando preferentemente na consulta telefónica, cuestión que está ocasionando moitas dificultades tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma, xa que os profesionais están sobrecargados de traballo e cun esgotamento físico e mental insoportable e os veciños e veciñas estamos a soportar colapsos habituais e diarios no teléfono do centro, colas á intemperie para acceder ao centro e listas de espera de varios días, entre sete e dez na actualidade, para conseguir só unha cita telefónica. Esta situación –asegura a concelleira– agravouse estes mesmos días, con gravísimos problemas derivados da presenza dun só médico no centro de saúde, coa imposibilidade de atender á veciñanza que chegou alí con problemas de saúde serios".
Por último o concelleiro Rubén Monteagudo asegurou que esta campaña “non é o remate, senón que é o principio dun longo camiño de loita ata que recuperemos un servizo público digno no noso centro de saúde". O nacionalista engade que “dende o BNG seguiremos pelexando e esixindo todos os días e levando a cabo todas as accións que sexan necesarias para que en Moraña non continuemos perdendo calidade nos nosos servizos públicos, nomeadamente no centro de saúde" A este respecto, Monteagudo, tamén responsábel local da formación, pregúntase se logo deste gran apoio a estas demandas “o goberno municipal do Partido Popular continuará sen mollarse polos seus veciños e veciñas ou, polo contrario, unirase ao clamor veciñal por un mellor servizo e atención no centro de saúde". Monteagudo pídelle ao novo alcalde que “perda o medo, deixe de lado por unha vez o seguidismo político a Feijóo e presione e traballe dende hoxe mesmo para mellorar a calidade do servizo de saúde do noso concello, un pilar básico para a calidade de vida do conxunto de veciños e veciñas de Moraña".