O catastrazo: a última traizón do PP-PSOE á veciñanza de Caldas de Reis
Caldas, 12 de abril de 2016. Centos de veciños de Caldas de Reis están a recibir estes días cartas remitidas dende o Ministerio de Facenda para notificarlles que teñen que pagar importantes cantidades de diñeiro pola regularización catastral das súas propiedades. Esta polémica regularización está a ter graves consecuencias no concello de Caldas xa que son centos as propiedades afectadas e os gastos que implica a regularización son cuantiosos. Só polo feito de regularizar unha edificación, os veciños que reciban esa notificación terán que pagar como mínimo unha taxa de 60 euros por cada unha das propiedades afectadas e a a esa taxa terán que sumarlle en moitos casos os custos derivados do IBI e os gastos de tramitación.
Resulta esperpéntico que os mesmos que aproban amnistías fiscais para os seus amigos e protagonizan numerosos escándalos de corrupción política son os que obrigan aos caldenses a tributar por galpóns, galiñeiros, e nalgún caso até pola caseta do can como se se tratara de lofts de fín de semana.
No caso de Caldas de Reis a situación é especialmente grave, pois foi o propio alcalde Juan Manuel Rey o que pediu ao catastro que se iniciase este proceso para tapar o burato económico que teñen provocado os sucesivos gobernos socialistas e que nos últimos anos se veu incrementado pola falta de xestión do goberno do PSOE, que fixo perder ao concello cuantiosas axudas para a construcción do proxecto das Pozas da Tafona, ademais do caso do derrubamento do edificio da rúa Real, ao que seguramente haberá que engadir a posterior indemnización á empresa promotora. Con este catastrazo o PSOE pretende fritir a impostos aos caldenses para que sexan @s veciñ@s @s que paguen as consecuencias da súa ineficacia como equipo de goberno.
As consecuencias para as familias van moito mais alá de pagar unha taxa ou de pagar o IBI. Vai afectar mesmo nas becas dos nosos fillos, xa que galpóns e galiñeiros van computar como propiedades facendo crer que as familias do rural caldense son unha especie de Amancios Ortegas do rural.
Dada a especial trascendencia do asunto, o BNG está a organizar unha Asemblea Aberta para informar a todos os veciños e veciñas e interesados no tema.