A veciñanza a favor do Modelo Pontevedra

O colexio de Lérez carece de redutores de velocidade. Os veciños e veciñas demandaron a colocación de redutores de velocidade para mellorar a seguranza no entorno do colexio
A veciñanza a favor do Modelo Pontevedra

Pontevedra oponse á normativa anti-lombos que aprobou a oposición municipal no pleno de febreiro, impulsado polo Partido Popular e seguida polos grupos minoritarios: PSOE, Marea e Cidadáns. Veciños de Salcedo, Lérez, Santa María de Xeve, Cerponzóns e a Federación de veciños Castelao, xa amosaron a súa oposición a esta modificación da ordenanza de circulación que sacaron adiante todos os grupos da oposición, en contra do modelo de cidade que está a impulsar o Goberno Local e que tan bos resultados está a dar para Pontevedra.

Os lombos na proximidade do colexio que melloran a seguranza, terían que ser retirados

A veciñanza de Salcedo celebrou o pasado 31 de marzo unha xuntanza do Consello parroquial a petición da asociación Héroes do Campo da Porta, na que participou o concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez, que acudiu a explicar a modificación realizada e as implicacións que suporá para a fisonomía da cidade, para a seguranza viaria, e para a vida dos pontevedreses.

O Consello parroquial de Salcedo concluíu que os reductores de velocidade son imprescindibles nas zonas escolares e en espazos cunha elevada concentración de persoas como os centros culturais, deportivos, relixiosos… ou espazos dunha elevada concentración de vivendas.

Os veciños de Lérez tamén mantiveron unha reunión coa concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña o pasado día 6 en termos similares aos de Salcedo. Co agravante de que no caso de Lérez, e aplicando a modificación da ordenanza que sacaron adiante os grupos da oposición municipal, sería preciso eliminar o paso sobreelevado instalado diante do centro de saúde, así como renunciar a outros solicitados polos veciños na contorna do colexio ou na rúa da Torre, que están pendentes de instalar. Tamén se vería afectada a rúa da Gándara que ten reductores de velocidade xa que se trata do Camiño de Santiago.

Os lombos nas proximidades do Centro de saúde de Lérez tamén se eliminarían

Tamen se sumou a estes veciños os de Santa María de Xeve que fixeron unha recollida de sinaturas o pasado mes de marzo para solicitar da Deputación a instalación de lombos na estrada provincial EP0018, que une a parroquia cos Milagros de Amil. Piden que se mellore a estrada e se adopten medidas de calmado de tráfico porque é unha das vías máis poboadas da parroquia, e polo que transitan moitos peregrinos que acoden aos Milagros de Amil, no concello de Moraña.

Os veciños e veciñas de Cerponzóns sumáronse a estas reivindicacións, reclamando que se manteñan os lombos instalados na parroquia e se respecten as previsións pactadas no Consello Parroquial para a construción de novos lombos na parroquia

O colexio de Lérez carece de redutores de velocidade. Os veciños e veciñas demandaron a colocación de redutores de velocidade para mellorar a seguranza no entorno do colexio

A Federación de Veciños Castelao tamén amosou ao Goberno a súa oposición a que se modifique a ordenanza municipal de circulación no senso de eliminar os lombos no ámbito urbano, e tamén no rural ao non cumprir os requisitos da normativa de Fomento que será a que se implantará. A Federación ten intención de facer unha alegación a esta modificación.

Os motivos da oposición veciñal a esta modificación da norma está claramente exposta pola alegación que presentou o arquitecto Xesús Fole, un dos pais do modelo urbano da cidade, que asegura que a aplicación da ordenaza suporá unha desfeita económica e administrativa porque trasladará os criterios de construción de Fomento ás vías urbanas.

Esta traslación implicará situacións como:

  • A distancia entre reductores ten que pasar de 50 metros a 200 metros

 

  • Tamén prohibe a instalación destes reductores nas rúas da rede viaria provincial

 

  • Tampouco se poderán poñer nos primeiros 50 metros da rúa

 

  • Nin en rúas de menos de 200 metros

 

  • Nin en rúas con pendentes superiores ao 5%

 

  • Só se poderán pór en rúas con máis de dous carrís de circulación

 

  • Non se poderán pór en rúas con máis de 5.000 vehículos diarios

 

  • Os reductores da nova norma terán unha meseta de 4 metros (cando no modelo de Pontevedra algúns teñen máis a petición dos autobuses)

 

  • A pendente da rampa de entrada e saída do paso sobreelevado terá que ser dun 10%, cando na actualidade os técnicos municipais as proxectan dun 6%.

 

A Federación de AAVV Castelao apoia os lombos pola mellora da seguranza e por favorecer a accesibilidade

Ademais, a tramitación da modificación da ordenanza de circulación foi moi deficiente. Foi aprobada por urxencia, cando na Deputación provincial que ten unha regulación para este tipo de reductores de velocidade, a tramitación durou dous anos. Esta modificación non dispón de todos os informes recomendados nin son todos favorables, ademais de non dispor unha cuantificación económica do que poderá supor levantar todos os o lombos instalados até o de agora en todo o concello.

 

A veciñanza a favor do Modelo Pontevedra