O BNG esixe unha modificación lexislativa que anule a prórroga a ENCE
O BNG insta ás forzas políticas que veñen de aprobar a PNL contra a prórroga de ENCE a que non se queden nunha mera declaración de intencións e aborden unha modificación lexislativa que a anule e a imposibilite.
O Congreso dos Deputados ten capacidade lexislativa, lembrou a concelleira de urbanismo, Carme da Silva, para que non quede ningunha dúbida de que se vai anular a prórroga concedida a Ence. Pódeo facer tramitando unha modificación da Lei de Costas algo para o que non hai que esperar a ningún goberno.
Para o BNG a proposición non de lei aprobada no Congreso é unha declaración de intencións, polo que agardamos que teña máis percorrido e que esa maioría parlamentar que apoiou esta iniciativa utilíce esa mesma maioría para aprobar un cambio lexislativo.
Se hai unha maioría non congreso que quere con clareza e firmeza como posicionamento que se derrogue esta prórroga, ten capacidade para facelo.
Neste asunto fai falta, insistiu Carme da Silva, un posicionamento claro e contundente, algo que só se pode conseguir cando saia publicado no BOE, que é onde saen as leis.
O BNG leva moitos anos batallando contra a permanencia de Ence na ría e, neste sentido, fiamos todo á mobilización social, ao entender que a sociedade pontevedresa se opón firme e moi maioritariamente á súa continuidade.
A partir de aí, dixo, o Concello utilizará todos os mecanismos ao seu alcance -sociais, políticos, administrativos e xudiciais- para que se derrogue a prórroga.
Porque o BNG vai seguir por terra, mar e aire para que Ence saia dunha vez por todas da ría de Pontevedra.