Ana Pontón considera a Pontevedra referente para explicar a capacidade transformadora do BNG
Pontevedra, 6 de abril de 2016. A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón tivo onte unha intensa xornada de actividade en Pontevedra, que comezou ás 12 da mañá cunha visita institucional ao Concello e rematou xa á noitiña cunha asemblea aberta de Galiza Nova.
Visita institucional ao Concello de Pontevedra
A visita a Pontevedra comezou ás 12 da mañá cunha reunión na Alcaldía na que participaron tamén a deputada galega Montse Prado e boa parte do goberno municipal. Neste encontro a Portavoz Nacional do BNG puxo en valor o modelo de cidade desenvolvida polo goberno nacionalista que lidera Miguel Anxo Fernández Lores, unha referencia nítida a nivel internacional polo que supón de cambio transformador.
Pontón subliñou que Pontevedra é un exemplo inequívoco e un orgullo do que o BNG é capaz de facer desde as institucións con políticas transformadoras en beneficio das persoas.
Para o Bloque é un orgullo este concello, modelo de capacidade de transformación, de capacidade para poñer as institucións ao servizo do pobo e de defensa inquebrantábel duns principios políticos, salientou. Unha referencia para nós e temos moito que recoller desta experiencia municipal, peza clave á hora de explicar o que ten aportado o nacionalismo a este país, para min como portavoz nacional do BNG é un orgullo que a transformación desta cidade se fixara desde un proxecto de país.
No encontro abordouse o actual modelo de financiamento local que Pontón e Lores coincidiron en tachar de discriminatorio para os concellos galegos e que, só en 2016, fai perder a Pontevedra 3,4 millóns de euros.
Neste sentido, o BNG considera necesario superar o marco de discriminación que se produce no Estado a respecto de Galiza, que en termos de financiamento local supón que cada galego e galega recibe 50 euros menos que a media estatal dos recursos que chegan da Participación nos ingresos do Estado (PIE), -40,85 no caso concreto de Pontevedra-.
Non entendemos como se explica que un veciño ou veciña reciba 50 euros menos polo mero feito de vivir aquí, denuncia Pontón. A discriminación é aínda máis evidente no caso das cidades, xa que un grupo de sete urbes con máis de 500.000 habitantes acapara un 33% dos 11.341 millóns de euros que o Estado distribúe aos municipios en 2016, pese a sumar o 18% da poboación.
Dobre discriminación
Galiza ten o 6,24% da poboación, pero os concellos galegos reciben 5,05% dos fondos do estado. Esta discriminación no financiamento é dobre, denuncia Pontón, posto que supón recibir menos recursos ca media nun territorio onde a prestación de servizos é máis custosa por causas como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación.
Preocupar a Feijóo e aos gobernos das cidades
É unha cuestión suficientemente importante para que preocupara e ocupara a quen goberna, tanto ao señor Feijóo como aos máximos responsables políticos das cidades galegas, indicou a portavoz do Bloque. É importante mudar este financiamento que discrimina ás persoas deste país e urxe cambiar a situación de privilexio das grandes cidades do Estado, recalcou.
A pesar deste marco de financiamento local, Pontón valorizou a intelixencia dun concello como Pontevedra para facer unha gran xestión dos recursos públicos e con capacidade de xerar actividade e conseguir ingresos por outras vías
Os concellos nacionalistas, avanzou, teñen prevista unha ofensiva no seo da Fegamp. O BNG tamén buscará o consenso no Parlamento para mudar o modelo de financiamento local, aínda que para superar este marco discriminatorio non chega cun acordo na Cámara galega senón que se dea tamén a nivel estatal.
Estamos cansas de ver como se adoptan decisións na que os partidos de ámbito estatal teñen un posición en Galiza e xusto a contraria en Madrid. Se se asume unha posición política en defensa dos intereses da cidadanía deste país hai que mantela tamén no Estado, concluíu.
Visita á exposición Castelao Artista e ao Salón do Libro
Unha vez rematada a visita institucional ao Concello de Pontevedra, Ana Pontón continuou a súa visita a Pontevedra cunha visita á magnífica exposición "Castelao artista" no Museo Provincial, guiada polo propio Director do Museo, Carlos Valle, e na que tamén participaron a deputada Montse Prado, o deptudo provincial responsábel de Cultura, Xosé Leal, a responsábel comarcal Eva Villaverde e a concelleira en Pontevedra e membro da Executiva Nacional, Carme da Silva.
Após un xantar de traballo cunha delegación da dirección comarcal do BNG, a Portavoz Nacional dirixiuse ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Asemblea Aberta de Galiza Nova
A Portavoz Nacional terminou a xornada participando nunha asemblea aberta de Galiza Nova (enmarcada no proceso Adiante), que tivo lugar na Casa da Luz, na que participaron perto de 40 mozos e mozas.
Neste acto aberto abordouse a situación actual do país, da mocidade e do nacionalismo. Compre salientar a participación dos mozos e mozas (militantes ou non de Galiza Nova) que aportaron a súa mirada e as súas ideas para mellorar a liña política e o funcionamento do BNG.
Concluiuse na necesidade de reforzar o nacionalismo como única ferramenta eficaz para abordar a grave problemática que está a sofrer a mocidade (desemprego, precariedade, emigración...) e o país (desmantelamento da nosa economía, crise demográfica, ataques ao noso idioma e á nosa cultura, etc.)