A Casa da Cultura de Cuntis acolle os actos do Mes da Memoria
Esta semana, a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, acolle unha serie de actividades arredor da Memoria Histórica
A Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis acolle estes días unha serie de actividades de recuperación da memoria histórica e de homenaxe ás persoas represaliadas durante a ditadura franquista, que comezou coa exposición fotográfica Atravesados pola Guerra de Silvina di Caudo, xestionada pola ARMH, e que permanecerá aberta ao público ata o sábado día 15.
Os actos da Memoria continuarán o venres 14 ás 21.00 horas, coa palestra impartida pola escritora e xornalista Montse Fajardo sobre A represión das mulleres en Galiza, que abordará a represión sufrida polas mulleres a consecuencia do golpe de Estado do 36 no noso país.
O sábado día 15 ás 12 horas haberá unha palestra da Asociación Cultural cuntiense O Fervedoiro, na que se falará dos seus 10 anos de traballo a prol da recuperación da memoria, e posteriormente, ás 20.30 horas a presentación do libro de María Solar As horas roubadas, coa presenza da propia autora e de Encarna Otero, que fará unha intervención sobre a situación das mulleres durante a transición.