O BNG volve reivindicar unha extensión da Escola Oficial de Idiomas para Soutomaior

arcade-2
Manu Lourenzo

O BNG de Soutomaior volveu reivindicar no último pleno ordinario a necesidade de que Soutomaior conte cunha extensión da EOI para que os veciños poidan cursar estudos oficiais de idiomas no propio concello.

O BNG volve reivindicar unha extensión da Escola Oficial de Idiomas para Soutomaior

O BNG de Soutomaior volveu reivindicar no último pleno ordinario a necesidade de que Soutomaior conte cunha extensión da EOI para que os veciños poidan cursar estudos oficiais de idiomas no propio concello. Os nacionalistas afirmaron que hai moitos concellos en todo o país con características similares ao noso, e mesmo máis pequenos, que contan con esta posibilidade. Os veciños de Soutomaior non poden ser sempre os últimos da cola, sinalaba o voceiro nacionalista Manu Lourenzo. 

“Hai xa máis de un ano que neste pleno se aprobou a iniciativa do BNG para solicitar unha extensión da EOI. Na mesma moción se indicaba que o goberno local debía informar a coorporación de todos os pasos que se desen para acadar unha extensión da EOI, pero Agustín Reguera incumpriu sistematicamente esta moción e nunca informou por iniciativa propia aos membros do pleno. Tivo que ser sempre o BNG o que puxo este asunto enriba da mesa”

O BNG denuncia a actitude de sumisión e pasividade do Alcalde de Soutomaior á hora de defender os intereses dos veciños e veciñas de Soutomaior

Manu Lourenzo deixou de manifesto que  a actitude do alcalde está a ser dunha pasividade e dunha falta de iniciativa absolutamente alarmante. “O único que fixo foi preguntar nunha xuntanza hai un ano ao xefe territorial, e como este lle dixo que non veuse para casa caladiño. Se todos os alcaldes fixeran o mesmo non habería extensión das EOI en ningún concello do mundo”  sinalaba o voceiro do BNG. “Os veciños páganlle a Agustín Reguera para que os defenda onde sexa e ante quen sexa e non para que exerza de palmeiro das políticas de recortes do PP. Foi esa mesma actitude de sumisión e pasividade a que fixo que en Soutomaior tiveramos que agardar lustros pola escola infantil, décadas polo instituto e a saber canto pola extensión da escola oficial de idiomas cando hai concellos máis pequenos que Soutomaior que contan dende hai décadas con todos estes servizos” 

Por iso, despois  da negativa do Xefe Territorial de Pontevedra  o BNG  instou a Agustín Reguera a elevar esta demanda ante o  Conselleiro de Educación. Mais non só non o fixo, senón que mesmo  baixou o escalón administrativo e dirixiuse unicamente a un director dunha escola. Ante isto, Manu Lourenzo sinalou que “É simplemente esperpéntico. Xa non é só que Agustín Reguera  non suba o escalón administrativo para defender aos veciños, senón que o baixa para falar con alguén que non pinta nada nesta decisión.No fondo é unha tristeza porque con isto, ademais da falta de iniciativa, o que Agustín Reguera demostra é unha falta de coñecemento da administración pública absolutamente incomprensible nun alcalde de Soutomaior”

O BNG volve reivindicar unha extensión da Escola Oficial de Idiomas para Soutomaior