A campaña municipal do 25-N en Pontevedra interpélanos: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores?
Pontevedra, 30 de outubro de 2025. Un número: 12.796 e unha pregunta: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? interpélannos, desde hoxe, dende a fachada da Casa Consistorial. Un número que corresponde coa cantidade de maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) na Galiza (datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial). E unha pregunta que nos convida a virar o foco cando falamos da violencia de xénero, a violencia exercida polos homes sobre as mulleres polo feito de selo.
No despregamento desta intervención na Casa Consistorial, que marca o inicio da campaña 25-N do Concello de Pontevedra estivo o alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, xunto cos voceiros dos grupos municipais e un amplo abano de concelleiros das tres forzas políticas con representación no Concello.
A concelleira de Igualdade subliñou a importancia de poñer o foco da campaña municipal do 25-N nos maltratadores á hora de falar e enfrontar a violencia de xénero: “convidamos a abrir un debate, debemos ser firmes, calquera que se defina feminista ten que estar ao lado das mulleres que denuncian, sexa quen sexa o agresor”. Para Anabel Gulías “é unha cuestión de principios, de posición, e abre un debate moi interesante en todas as formacións políticas e na sociedade en xeral. Hai que poñer o foco onde se ten que pór e chamar as cousas polo seu nome”
Pola súa banda, o alcalde amosou o seu compromiso coa loita das mulleres contra a violencia machista e a prol da igualdade. “Que saiban as mulleres que son receptoras da violencia machista que non están soas, que hai moita xente na sociedade, e homes tamén, que vamos a apoialas sempre” subliñou Fernández Lores. “Queda moito camiño por andar, segue a haber discriminación da muller” engadiu para, de seguido, concluír: “unha campaña como a do 25-N é imprescindible mentres siga existindo unha realidade (a violencia machista e a desigualdade) que non nos gusta e rexeitamos”.
A conmemoración do 25-N tinguirá de violeta todo o mes de novembro en Pontevedra, amosando o compromiso do goberno local e da cidadanía coa igualdade e o rexeitamento da violencia machista en calquera das súas manifestacións. Un compromiso e rexeitamento que quedará reflectido no Manifesto do Día Internacional contra as violencias machistas que se lerá ao comezo do Pleno municipal do Concello de Pontevedra de novembro (luns 17 de novembro, ás 11.00 horas) e que, nesta ocasión, corre a cargo da Quenda de Oficio de Violencia de Xénero do Colexio da Avogacía de Pontevedra.
Faladoiros Feministas
A programación da campaña 25-N bota a andar a vindeira semana cos Faladoiros Feministas. Será o mércores 5 de novembro, cando Ana Marcos e Iria Pinheiro abran os encontros poñendo enriba da mesa a realidade do acoso e abusos sexuais no audiovisual. A cita terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.
O programa continuará coas seguintes convocatorias:
Faladoiro 2, con Macarena Baena Garrido sobre violencias machistas e medios de comunicación. Mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 h.
Faladoiro 3, con Mabel Lozano sobre explotación sexual. Inclúe a proxección do documental AVA. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 h.
Faladoiro 4, con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas) sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas